A vaga de calor deixa temperaturas máximas históricas en Galicia
A cidade de Ourense, con 43,3 graos, apaña o récord das súas máximas
Outras localidades están preto das súas marcas e poderían superalas
Está claro que vai calor, que o ambiente é abafante, pero para saber que esta é unha situación extrema cómpre comprobalo nos rexistros históricos. E os datos confirman que a cidade de Ourense, afeita xa ás temperaturas elevadas, apaña un valor récord.
"Neste sitio estámolo pasando fatal, fatal", asegura unha veciña da cidade.
Máxima histórica en Ourense, con 43,3 graos
Os 43,3 graos do martes superan a máxima de 42,7 de xullo de 1990. E noutros lugares da provincia aínda vai máis calor.
En Arnoia, por exemplo, chegaron aos 43,7 graos, algo máis que os 42,6 do mesmo mes de 2013, ou en Ribadavia, onde os termómetros ascenderon a 43,5 graos, por riba dos 43 de setembro de 2016.
A comunidade científica xa avisou hai anos de que estas vagas de calor se ían multiplicar.
"Esta que está afectando a Galicia está sendo histórica. Deixa rexistros nunca vistos na comunidade autónoma; onte, por riba dos 43 graos en Ourense, e hoxe vai ser un día semellante. Só A Mariña se libra da vaga de calor. Hoxe aínda temos máis zonas e aviso vermello nos concellos que molla o Miño na provincia de Pontevedra e Ourense, e tamén na comarca de Valdeorras", segundo advirte Diego Viaño, O tempo, TVG.
Outras localidades están preto das súas marcas e poderían superalas
Hai outras localidades preto do seu récord. Santiago rexistrou 39 graos, só a catro décimas da máxima de xullo de 1990. Pontevedra tamén anda próxima á súa marca, e algo máis lonxe Vigo, seguido por Lugo, Ferrol e A Coruña. A pregunta agora é se aínda subirán máis as temperaturas ou non.
"En principio, mañá teremos un día semellante, con calor abafante. Parece que a partir do venres o aire cálido non chegará con tanta presenza e comezará a refrescar un pouquiño, aínda que xa lles adianto que é probable que na fin de semana haxa zonas en aviso por temperaturas máximas elevadas"
Con todo, aínda non se superou o récord de calor en Galicia, os 44,2 graos que se rexistraron en agosto de 2016 na localidade de Leiro.