A vacina da gripe pode solicitarse ata o 15 de xaneiro
Ata o momento puxéronse 787.600 vacinas

A campaña de vacinación fronte á gripe, dirixida a toda a poboación, estará operativa ata o 15 de xaneiro. O obxectivo xeral consiste en diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas desta infección, e minimizar o efecto na saúde mediante a súa prevención.
Segundo os últimos datos, ata o momento puxéronse 787.600 vacinas. No grupo de maiores de 65 anos contabilizáronse 507.184. No de 65 a 69 anos, 99.481; no de 60 a 64, 65.296; no de 15 a 59, 189.624 e no de menos de 15 anos, 25.496.
Por áreas sanitarias, a da Coruña encabeza a lista, con 168.661; seguida de Vigo, con 135.763; e Santiago, con 131.572. A continuación sitúase Lugo, con 106.800; Ourense, con 105.286; Pontevedra, con 77.449; e Ferrol, con 59.197.
Os datos amosan un descenso no caso das mulleres embarazadas. Polo momento, administráronse 5.645 doses, fronte ás 7.792 de finais de 2020.
A Consellería de Sanidade lembra que as persoas que así o desexen poderán solicitar a súa vacina contra a gripe ata mediados de xaneiro.