A USC pon en marcha en Lugo unha cátedra para impulsar o patrimonio cultural galego
Nace para profesionalizar o sector, fortalecer as industrias culturais e contribuír ao desenvolvemento sostible desde a cultura
A iniciativa terá unha achega de 50 mil euros da Xunta e disporá de recursos materiais e instalacións da Universidade de Santiago
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugurou este mércores na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo a nova Cátedra Institucional de Xestión Cultural, un proxecto que aspira a converterse nun referente para a investigación, a formación e a innovación no ámbito da cultura e o patrimonio.
A iniciativa, impulsada en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, nace coa vocación de xerar coñecemento científico, favorecer a transferencia de coñecemento ao sector profesional e contribuír a unha xestión máis eficiente do patrimonio cultural galego.
Punto de encontro entre universidade, administración e profesionais
A cátedra configúrase como un instrumento permanente para promover a formación especializada, a investigación e a creación cultural, alén de servir como punto de encontro entre a universidade, as administracións públicas e os profesionais da xestión cultural.
Entre os seus principais obxectivos figura o fortalecemento do sector cultural en Lugo e no conxunto de Galicia, a análise das fortalezas e debilidades das industrias culturais galegas, o impulso de estudos sobre cultura e patrimonio como ferramentas de desenvolvemento sostible e a elaboración de propostas de políticas culturais adaptadas á realidade actual.
Así mesmo, fomentará a colaboración entre o persoal investigador da USC e profesionais do ámbito da xestión cultural e patrimonial.
A dirección da nova cátedra estará a cargo de Gonzalo Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve, quen subliñou durante o acto que este proxecto pretende converterse nun "poderoso instrumento" para favorecer o avance continuo do coñecemento científico no campo da xestión cultural.
I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz
A programación da cátedra incluirá actividades de formación, investigación, divulgación e transferencia de coñecemento, alén da organización de cursos, xornadas e congresos.
Entre as primeiras iniciativas figura a convocatoria do I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz, creado en homenaxe á primeira catedrática de Historia da arte do Campus de Lugo e destinado a impulsar a investigación e a innovación no ámbito da xestión cultural e do patrimonio.
Ademais, a cátedra promoverá a colaboración con especialistas nacionais e internacionais, favorecendo o intercambio de experiencias entre investigadores, docentes e xestores culturais, co obxectivo de trasladar o coñecemento académico á sociedade e mellorar as políticas de conservación e valorización do patrimonio.
Achega de 50.000 euros da Xunta e instalacións e recursos materiais da USC
A nova cátedra estará financiada pola Xunta de Galicia cunha achega de 50.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, mentres que a USC achegará as instalacións e os recursos materiais necesarios para o seu funcionamento. Ademais, dispoñerá dunha Comisión Mixta de Seguimento encargada de supervisar o seu desenvolvemento.
Na inauguración participaron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, a subdelegada do Gobierno en Lugo, Olimpia López, e o deputado Miguel Fernández, entre outras autoridades.
Durante a súa intervención, a reitora Rosa M. Crujeiras destacou que a cultura constitúe unha "peza fundamental" para construír modelos de desenvolvemento máis equilibrados e sostibles nun contexto marcado por desafíos económicos, sociais e ambientais.
Pola súa banda, o conselleiro José López Campos cualificou a creación da cátedra como un "fito histórico" ao tratarse da primeira especializada en patrimonio do norte peninsular e da terceira destas características en España. Ao seu xuízo, o proxecto contribuirá a profesionalizar aínda máis a xestión, a protección e a divulgación do patrimonio cultural galego, reforzando o compromiso da Xunta co seu estudo, conservación e difusión.
O sector cultural emprega a 36.800 persoas en Galicia
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, puxo o acento no peso económico e social da cultura, lembrando que o sector emprega a máis de 770.000 persoas en España, das que 36.800 traballan en Galicia.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que a nova Cátedra de Xestión Cultural Especializada en Patrimonio supón unha oportunidade para reforzar a colaboración entre a Universidade e as administracións públicas na protección e promoción do patrimonio. Subliñou que Lugo reúne unhas condicións únicas "para converterse nun referente neste ámbito grazas á riqueza do seu patrimonio material e inmaterial".