Publicador de contidos

Publicador de contidos

Usar o móbil nos centros educativos poderá supoñer expulsións de ata 20 días

Usar o móbil nos centros educativos poderá supoñer expulsións de ata 20 días

Non entregar os deberes poderá supoñer nos casos de reincidencia ata cinco días de expulsión

G24.gal 20/10/2026 23:04

 A Xunta de Galicia endureceu as medidas disciplinarias nos centros educativos para mellorar a convivencia, combater o acoso e o ciberacoso e reforzar a autoridade do profesorado.

Entre elas, figuran as sancións por utilizar o teléfono móbil, que poderán implicar desde a realización de tarefas educativas ata a expulsión das aulas durante un período de seis a 20 días lectivos.

Ata o momento, a Consellería de Educación establecía dous niveis dentro do réxime sancionador: as condutas leves e as gravemente prexudiciais.

Agora, as modificacións, que se materializan a través da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2027, establecen tres niveis: as condutas gravemente prexudiciais, as graves e as leves.

Entre elas, considerarase unha conduta grave contraria á convivencia o uso do móbil ou doutros dispositivos electrónicos durante a xornada escolar, incluídos os momentos de entrada e saída do centro, os recreos, o comedor e as actividades extraescolares.

En caso de cometer esta falta, o alumno poderá ser sancionado coa realización de tarefas educativas ou actividades de carácter académico, dentro ou fóra do horario lectivo, ou coa expulsión do centro entre seis e 20 días lectivos.

Durante ese período, realizará desde a casa as actividades correspondentes para garantir a continuidade do seu proceso de aprendizaxe.

Deste xeito, o Goberno galego dará un novo paso para vixiar e manter a prohibición do uso dos dispositivos móbiles nos centros educativos, agás para determinados usos pedagóxicos, unha medida que entrou en vigor en xaneiro de 2024.

Ademais, a Xunta tamén restrinxirá o uso académico destes dispositivos e limitará a súa utilización a partir de 3º da ESO.

"Oxalá non haxa que expulsar a ninguén"

Preguntado pola dureza das sancións, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, lembrou que o uso do móbil nos centros está prohibido desde hai "moito tempo", agás para algunhas cuestións pedagóxicas, e que foi unha medida "tremendamente ben acollida" polas familias e polas propias institucións educativas.

"Favorece a socialización do alumnado, reduce a desconcentración e tamén o risco de ciberacoso", asegurou o conselleiro, que defendeu que Galicia foi "pioneira" no establecemento desta prohibición.

Neste sentido, indicou que "oxalá non haxa que expulsar a ninguén", pero que a realidade é que, se un alumno realiza unha actividade de acoso ou ciberacoso contra outro, "algo haberá que facer".

Con este obxectivo, decidiuse reforzar e afondar nas medidas disciplinarias ao respecto.

Román Rodríguez sinalou que as modificacións na tipificación das condutas e nas súas respectivas sancións se formularon con "criterio, obxectividade, metodoloxía e seguridade xurídica".

"Se nun centro educativo no que conviven moitas persoas moi diferentes non existe un bo clima de convivencia, é difícil que funcione o proceso de aprendizaxe. É necesario deseñar unha serie de medidas que favorezan que aquelas persoas que infrinxen as normas de convivencia teñan algún tipo de sanción, porque, se non, entrariamos nun boísmo que realmente ten pouca eficacia", defendeu.

Así mesmo, será o centro educativo o que decida a sanción que se vai impor, en función da reincidencia do alumno e da gravidade da conduta, agás nos casos de ciberacoso, tipificado como gravemente prexudicial para a convivencia, nos que o estudante terá que ser cambiado de centro.

"Estableceuse esta folla de ruta para evitar, neste caso, que o acosador ou a persoa que acosa outra pense que iso sae gratis. Non pode saír gratis. Se pensamos iso, dificilmente construiremos unha sociedade sa no futuro", subliñou Rodríguez.

Non entregar os deberes será unha falta leve pero poderá supor ata 5 días de expulsión

Entre outros comportamentos que poden dar lugar a sancións e mesmo á expulsión figura non entregar os deberes ou as tarefas educativas propostas polo profesorado, así como acudir á aula de forma reiterada e inxustificada sen os materiais ou recursos necesarios.

Nestes casos, o estudante poderá ter que realizar tarefas educativas ou actividades académicas dentro ou fóra da aula ou, nas situacións máis graves, ser expulsado do centro durante cinco días.

"Os nosos centros educativos miden perfectamente que alumno e en que circunstancias merece unha sanción. Non se trata de que un alumno, se un día non trae unha libreta, vaia ser expulsado automaticamente durante uns días, senón que se trata de casos reincidentes, e cada centro gradúa perfectamente a aplicación destas medidas", explicou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade