Condenan un colexio de Ourense por non deter o acoso escolar
A Audiencia Provincial de Ourense condena un colexio por non frear o acoso a unha alumna pola súa orientación sexual
Os feitos comezaron nun grupo de WhatsApp durante o verán e prolongáronse durante o seguinte curso escolar
O colexio, unha cooperativa privada concertada, sostén que foi un episodio illado e estuda recorrer
A orixe dos feitos está nun grupo de WhatsApp creado durante o verán, co curso xa rematado, no que, segundo a sentenza, a alumna recibiu mensaxes e contidos ofensivos pola súa orientación sexual. A Audiencia considera que o problema continuou durante o seguinte curso escolar e recoñece que o colexio adoptou algunhas medidas, pero entende que non foron suficientes para poñer fin á situación.
"A nena deuse conta de que era lesbiana, quixo facelo público e poder discutir, etc, e atopouse cunha morea de insultos e vexacións", relata o avogado da familia, Fernando Gómez-Chaparro.
A condena, porén, é contra o centro educativo. O letrado da familia lamenta precisamente que non houbese consecuencias para os menores implicados e reclama que tamén se reflexione sobre a educación recibida.
"Se es diferente, nun colexio non tes que ser menosprezado, e iso teno que protexer un colexio. Despois de todo o que sae na sentenza, o colexio dixo que non houbo acoso", di o avogado.
O colexio, unha cooperativa privada concertada, sostén que se tratou dun caso illado vinculado a un grupo de WhatsApp durante o verán e está estudando se recorre a sentenza.