Publicador de contidos

Publicador de contidos

Romper o silencio contra o acoso escolar

Romper o silencio contra o acoso escolar

A Consellería de Educación chama á sociedade a manter tolerancia cero contra esta problemática e asina coa FEGAMP as primeiras adhesións á nova Rede de Concellos Contra o Acoso Escolar

O Colexio de Psicoloxía  impulsa a campaña contra o ciberacoso e reclama que se fomenten valores como o respecto, a empatía e o coidado mutuo.

G24.gal 02/05/2026 14:27

O curso pasado Galicia rexistrou 91 expedientes oficiais de violencia dentro dos centros educativos. Un problema social que deixa secuelas a longo prazo nos estudantes. 

"É moi complicado saír disto ti soa, moitísimo. Porque se non tes outro estímulo externo que non sexa o de que che fagan dano, que te persigan ou que te acosen, é moi complicado sentir que non mereces iso"

É o testemuño de María González, unha moza que desde os 10 anos sufriu acoso escolar. Agora, xa adulta quere rachar coa lei do silencio que moitas veces rodea as agresións físicas, verbais ou o illamento social. Os profesionais insisten en que é fundamental anticiparse, traballar na prevención e atender os cambios que se detectan na rapazada. 

"Encontrámonos con persoas que perderon a capacidade de gozar das cousas que lle gustan, que perderon a capacidade de confiar nas persoas que os rodean, nos iguais, persoas que se afastan e din que non se queren relacionar. Non é que non se queiran, é que doe moito. Ás veces incluso a propia persoa que o sofre ten dificultades para identificalo. As persoas intentamos superar e afrontar. Entón quitámoslle importancia ata que perdemos forzas e non podemos afrontar máis", explica Maricarmen González Hermo, vicesecretaria do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

As contornas dixitais ampliaron o espazo escolar tamén para a intimidación e as agresións. Segundo os últimos datos do Ministerio de Educación máis dun 9% das rapazas e rapaces sufriron acoso a través das redes

"É coma un virus que non se ve pero que están en todas partes. Cando é acoso físico a persoa pode tomar distancia e poñerse un momento a salvo. Co ciberacoso podes estar sendo acosado en calquera lugar e en calquera momento", asegura González Hermo

Desde o Colexio de Psicoloxía insisten na necesidade de implicar toda a sociedade, máis aló do profesorado e as familias, promovendo valores como o respecto, a empatía e o coidado mutuo.

Acto conmemorativo da Consellería de Educación

O Instituto de Cacheiras, en Teo, acolleu este ano o acto conmemorativo da Consellería de Educación contra o acoso escolar. Unha representación teatral e un mural serviron para visibilizar a necesidade dunha convivencia respetuosa.

"O acoso escolar é unha lacra, que afortunadamente non está moi xeneralizada, pero si existe un número de casos que obviamente que deixan moitas secuelas nas persoas que o sofren e nas que participan directa ou indirectamente del. Todos somos en certa medida responsables e todos formamos parte da solución", asegurou o conselleiro de educación, Román Rodríguez

Rede de Concellos Contra o Acoso Escolar

Levouse a cabo a sinatura das primeiras adhesións á nova Rede de Concellos Contra o Acoso Escolar, unha iniciativa da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias para coordinar os recursos que require combater esta problemática.  No acto asinaron os concellos de Teo, Ames, Boqueixón, Brión, A Estrada, Val do Dubra e Vedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade