Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Universidade de Santiago premia a Beiras polo seu labor en favor do galego

A Universidade de Santiago premia a Beiras polo seu labor en favor do galego

Concédenlle por unanimidade o premio Luis Porteiro Garea

G24.gal 28/06/2022 16:17

O xurado do premio Luís Porteiro Garea, organizado pola Universidade de Santiago, acordou de forma unánime conceder o galardón ao profesor xubilado da institución e histórico político Xosé Manuel Beiras Torrado polo seu “labor activo a favor da lingua galega”.

A USC di que quere render tributo á defensa do idioma feita por Beiras como profesor, catedrático e decano, “dado que exerceu un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro”.

Lembra o xurado do premio que Beiras “defendeu o uso do galego nas aulas desde os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito, entre 1964 e 1965; e, posteriormente, xa en 1968, como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais”.

Xosé Manuel Beiras Torrado desenvolveu “un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984”, continúa a acta do xurado.

Polo que se refire á investigación, fixo uso do galego na súa actividade investigadora, nas súas publicacións de carácter académico e nos seus ensaios de forma habitual.

Así, aínda que ten obra científica publicada noutros idiomas, “a maior parte da investigación, dos traballos “están no noso idioma”, sinala o xurado.

Beiras tamén destacou pola súa actividade de difusión do coñecemento con artigos en galego na prensa da época e nas conferencias e seminarios en diferentes foros de Galicia.

O xurado destaca a súa “capacidade para facer escola'' tamén no relativo “ao cultivo do noso idioma e o compromiso académico con Galicia”.

Destácase tamén “o seu compromiso co idioma galego na súa dilatada traxectoria de intervención na vida política do noso país” e tamén promovendo e apoiando todo tipo de iniciativas sociais, culturais e lexislativas a favor do galego como idioma oficial. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade