Seis vocábulos optan a ser Palabra do Ano en Galicia
“Desfeita”, “foliada”, “loia”, “lume”, “retrinco” e “xenocidio” son as palabras finalistas
A votación telemática popular para decidir a gañadora está aberta en portaldaspalabras.gal ata o domingo 21 de decembro ás 23:59 horas
“Desfeita”, “foliada”, “loia”, “lume”, “retrinco” e “xenocidio” son os seis vocábulos que optan a converterse en Palabra do Ano 2025, tras a fase de recollida de suxestións aberta pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, que inauguran este mércores -3 de decembro-, a través do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), a votación telemática popular para decidir cal das seis é a gañadora.
Todas as persoas que desexen participar nesta iniciativa poden facelo ata o domingo 21 de decembro, ás 23:59 horas.
“Desfeita”, “foliada”, “loia”, “lume”, “retrinco” e “xenocidio” son as seis voces que optan a se converter na #PalabraDoAno2025. Votade pola vosa favorita ata o 21 de decembro no noso @PortalPalabras e compartide!
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) December 3, 2025
🗳️https://t.co/8HYt4TmbBb pic.twitter.com/3RaBfbb20n
Segundo informan os promotores desta iniciativa, as palabras finalistas representan dalgún modo “distintos asuntos que marcaron a actualidade nos últimos meses, tanto a nivel global como local”.
De feito, “reflicten a inquietude social ante a crecente vulneración dos dereitos humanos ou a ameaza de grandes incendios forestais, aínda que parte delas tamén dan cabida ás necesarias esperanza e alegría”, subliña a Real Academia Galega (RAG) nun comunicado.
En anos anteriores resultaron gañadoras "cantareira" (2024), "cibercarracho" (2023), "comadre" (2022), "tanxugueiras" (2021), "nós" (2020), "sentidiño" (2019), "deseucaliptización" (2018), "afouteza" (2017), "irmandade" (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, "refuxiado/a" (2015) e "corrupción" (2014).
O vocábulo seleccionado pasará a formar parte do Paseo das Palabras de Lugo, creado na Rúa Menorca, na zona norte da cidade.
O resultado de cada edición plásmase no pavimento desta rúa, creando unha intervención artística que, segundo o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, “consolidouna como un atractivo turístico máis” en Lugo.