Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE acorda prohibirlles aos barcos verter augas residuais, lixo e plásticos

A UE acorda prohibirlles aos barcos verter augas residuais, lixo e plásticos

Os países membros da Unión pactan coa Eurocámara endurecer a directiva sobre a contaminación do transporte marítimo, que nestes momentos só veta a liberación de hidrocarburos

As previsións máis optimistas sitúan a finais de 2026 a entrada en vigor cando os Estados da UE inclúan a directiva nas súas normativas nacionais e establezan sancións "efectivas e disuasorias" 

G24.gal 16/02/2024 10:56

A Eurocámara e os Estados membros da UE chegaron este venres a un acordo político para prohibir que os navíos vertan augas residuais, lixos, residuos de depuradoras, incluído refugallos plásticos, granulados plásticos ou perdas dos contedores de transporte marítimo.

O pacto provisional, que aínda debe ser ratificado por ambas as institucións, actualiza a directiva sobre a contaminación do transporte marítimo existente que vetaba a descarga de hidrocarburos, e endurece as normas, ampliando as verteduras que serán causa de multa e reforzando os controis, segundo informou o Parlamento Europeo nun comunicado.

En concreto, súmanse á lista de substancias que non poden verterse ao mar, na que xa figuran o petróleo e outros líquidos nocivos, as augas residuais, lixos e residuos de depuradoras.

Ademais, o acordo prevé que, cinco anos despois de que as normas empecen a aplicarse, a UE vainas revisar para avaliar se se sancionan tamén as verteduras de refugallos plásticos, de granulados plásticos ou as perdas dos contedores de transporte marítimo.

Os países terán dous anos e medio para incluír a normativa na súa lexislación nacional, co que só empezaría a aplicarse a finais de 2026 ou principios de 2027 en función da présa que se dean.

Estas novas regras obrigarán ademais aos Estados para fixar multas "efectivas e disuasorias" para os barcos que non as respecten. As sancións penais por este tipo de delitos xa se acordaron dentro da directiva sobre delitos ambientais selada o ano pasado.

Esas sancións poden ir desde penas de prisión de dez anos se alguén falece como consecuencia do delito, ata multas de entre o 3 % e 5 % da facturación mundial das empresas infractoras ou de entre 24 e 40 millóns de euros, segundo prefiran os países.

O acordo alcanzado este venres prevé, por outra banda, reforzar o control que leva a cabo a través do sistema europeo de detección por satélite das verteduras de hidrocarburos, de modo que se controlarán todas as alertas de modo dixital e polo menos un 25 % das mesmas terán que ser verificadas polas autoridades nacionais, co fin de evitar que as verteduras se dispersen e deixen de ser detectables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade