A U. D. Ourense celebra o ascenso á Primeira RFEF coa súa afección
Os das Burgas festexaron cos seus fieis o sétimo ascenso de categoría que acadan desde a súa fundación hai doce anos
O adestrador Borja Fernández, que aínda non renovou, escoitou a petición dos seus afeccionados de seguir con eles a próxima temporada
Dous días despois de acadar o ascenso á Primeira RFEF, a U. D. Ourense por fin celebrou coa súa afección o logro deportivo acadado. Tras viaxar e descansar na xornada de onte, hoxe o equipo vermello deuse un baño de masas saíndo do Estadio do Couto no autobús descapotable, sendo recibidos pola Deputación e o concello e rematando cunha gran festa na Praza Maior que aínda tería final pasado por auga na fonte de Concepción Arenal.
O capitán Varo destacaba o fito do ascenso e centrábase na celebración:
"Un día único. O que fixemos é histórico. Hai que celebrar. O que non chegue a casa máis tarde das oito da mañán non merece nada...".
O adestrador Borja Fernández foi un dos máis aclamados. E tamén incidía na importancia de celebrar:
"Xa celebramos en Cuenca, pero tiñamos moitas ganas de facelo coa nosa xente, na Praza Maior e rematando na fonte de Concepción Arenal".
E o presidente Javier Orbán xa pensaba no futuro e no proxecto da temporada próxima na categoría de bronce do fútbol español:
"Sempre coa mesma mensaxe: calma, tranquilidade e consolidación. Logo veremos o que acontece. O ano pasado pensabamos que non podiamos aspirar a máis e seica foi".