A trixésima edición de Pazolandia congregou en Ourense máis de 26.000 persoas este Nadal
O maior parque de atraccións cuberto de Galicia conta con crecer aínda máis na súa próxima edición
Unha das citas máis esperada do Nadal en Ourense, Pazolandia, encheuse practicamente todos os días, desde que arrancou o 26 de decembro. Na última xornada do evento, a función da mañá tamén comezaba ao máximo de capacidade.
"Á espera da edición da tarde, calculamos unha asistencia total ao evento de entre 25.000 e 26.000 persoas", explica José Domarco, coordinador de Pazolandia.
Este ano varias atraccións novas compartiron espazo coas clásicas, para ofrecer entretemento para todos os gustos.
"Para min o máis chulo é o saltón", opina unha pequena.
"A min a movida show", asegura un neno.
"Bates coa xente, é moi divertido", explica unha rapaciña.
"A min gústanme as emocións fortes e por iso elixo o saltón", di outra.
"Tamén están ben os coches de choque", apunta un pequeno.
"Gústame todo", sentencia unha nena.
Os asistentes recomendan a experiencia a todos os nenos.
"Divertiríanse e xogarían moito", di unha nena.
"E poderían facer amigos", apunta outra.
Pazolandia recibe desde cativos dun ano ata adolescentes, ademais dos adultos que os acompañan, en moitos casos pais que foron na infancia os protagonistas do evento.
"Eu viña cando era pequena e traer agora as miñas fillas é marabilloso", conta unha nai.
"Nós vivimos en Madrid, aínda que eu son de Ourense e viña a Pazolandia de nena. Teño moi bos recordos e vir agora cos nosos fillos é unha diversión asegurada", afirma outra.
"Eu xa viña de pequeno e segue estando moi ben. Que continúen facendo este tipo e actividades", pide un pai.