A tripulación de Artemis orbita arredor da terra para probar os sistemas e decidir se seguen a viaxe cara a Lúa
A tripulación de Artemis orbita arredor da terra para probar os sistemas e decidir se seguen a viaxe cara a Lúa
De teren éxito, os tripulantes chegarán ao lado máis oculto da Lúa o próximo luns, 6 de abril
Esta misión de dez días sentará as bases para unha futura presenza permanente no satélite e para a exploración de Marte
Os catro astronautas de Artemis II espertaron este xoves dentro da nave espacial Orión, tras engalar o mércores, para dedicar o seu primeiro día de misión a orbitar arredor da Terra antes de emprender a súa viaxe cara á Lúa, o que levará outros catro días.
O equipo en terra da NASA espertou aos tripulantes coa canción ‘Sleepyhead’ da banda Young & Sick ás 7:06 horas do leste de Estados Unidos (11:06 GMT), “tras un breve período de descanso”, case 12 horas despois do lanzamento desde Cabo Cañaveral, en Florida, segundo informou a axencia espacial.
A nave espacial acendeu o motor principal do seu módulo de servizo durante 43 segundos para “refinar a súa traxectoria mentres continúa orbitando a Terra” e situar o vehículo “nunha alta órbita terrestre estable que se aliñe co seu camiño á Lúa”, detallou a NASA na súa transmisión en directo.
“Os tripulantes regresarán agora a un período de descanso durante outras catro horas e media antes de espertaren de novo para comezar o seu primeiro día completo no espazo”, expuxo o organismo estadounidense.
Tras engalaxe, que se produciu o mércores ás 18:35 horas de Florida (22:35 GMT), a tripulación primeiro orbitará preto de 24 horas arredor da Terra para probar os sistemas e decidir se continúa o camiño cara á Lúa ou se aborta a misión.
De teren éxito, os tripulantes chegarán ao lado máis oculto da Lúa o próximo luns, 6 de abril, e acadarán o punto máis afastado no espazo profundo ao que xamais chegou unha persoa, a máis de 400.000 quilómetros da Terra.
“Hoxe mesmo, o equipo de administración da misión terá a súa primeira reunión para avaliar os sistemas da nave espacial e dará a súa aprobación para a próxima propulsión translunar que enviará aos astronautas fóra da órbita da Terra e cara á Lúa por primeira vez desde 1972”, apuntou a NASA.
A tripulación está formada polo comandante Reid Wiseman, a especialista Christina Koch e o piloto Victor Glover, os tres da NASA, así como Jeremy Hansen, da Axencia Espacial Canadense (CSA).
Esta misión de dez días é a segunda do programa Artemis, tras o voo non tripulado de 2022, e precede ás próximas misións, nas que os astronautas esperan pisar a Lúa en 2028 e comezar unha presenza permanente no satélite natural cunha base, ademais de sentar as bases para a exploración de Marte.
