Publicador de contidos

Publicador de contidos

A misión Artemis II emprende a súa histórica viaxe cara á órbita lunar tras o exitoso lanzamento desde Florida

A misión Artemis II emprende a súa histórica viaxe cara á órbita lunar tras o exitoso lanzamento desde Florida

A misión de 10 días aspira a ser a primeira en chegar á órbita da Lúa desde Apolo 17, lanzada en decembro de 1972

Participación galega na misión tripulada a Lúa Artemis II, a primeira desde 1972

REUTERS/Steve Nesius REUTERS/Steve Nesius
G24.gal 02/04/2026 00:51 Última actualización 02/04/2026 08:15

A misión Artemis II da NASA alcanzou este mércores a órbita da Terra preto de 10 minutos despois de engalar desde Florida para comezar a súa viaxe de 10 días que a levará arredor da Lúa, o que ocorre por primeira vez en máis de 50 anos.

Os catro astronautas da tripulación primeiro orbitarán preto de 24 horas arredor da Terra para probar os sistemas e decidir se continúan o camiño cara á Lúa, o que tomaría outros catro días de viaxe, segundo explicou a NASA.

De ter éxito, os tripulantes chegarán ao lado máis oculto da Lúa o vindeiro luns, 6 de abril, cando observarían máis que ningún outro ser humano grazas á posición do Sol, que iluminaría o satélite natural.

Os viaxantes tamén alcanzarán o punto máis afastado no espazo profundo ao que xamais chegou unha persoa, máis de 400.000 quilómetros.

A tripulación confórmana o comandante Reid Wiseman, a especialista Christina Koch e o piloto Victor Glover, os tres da NASA, así como Jeremy Hansen, da Axencia Espacial Canadense (CSA).

Baixo condicións meteorolóxicas favorables, os catro tripulantes de Artemis II, que non alunizará, despegaron uns 11 minutos despois do previsto ás 18:35 hora local (0:35 do xoves en Galicia) desde o Centro Espacial Kennedy.

Momentos antes do engalamento houbo tensión porque os técnicos resolveron un problema cun sensor que mostraba unha batería con temperatura fóra de rango e arranxaron un inconvinte co sistema de comunicacións.

Pero non houbo ningún contratempo maior, como os que atrasaron un mes o seu engalamento en febreiro, polo que o Space Launch System (SLS), o foguete máis grande e potente da NASA, despegou coa tripulación a bordo da cápsula Orión.

A misión de 10 días aspira a ser a primeira en chegar á órbita da Lúa desde Apolo 17, lanzada en decembro de 1972.

Esta é a segunda misión do programa Artemis, tras o voo non tripulado de 2022, e precede ás próximas misións, nas que os astronautas esperan pisar a Lúa en 2028 e comezar a establecer unha presenza permanente no satélite natural cunha base, alén de sentar as condicións para a exploración de Marte. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade