Chega a Galicia o reto viral máis noxento do verán: defecar dentro da piscina
Máis de 300 piscinas pechadas en toda España por esta nova moda entre a mocidade
A contaminación fecal pode provocar colite, diarreas e mesmo septicemia
Así de baleiras están máis de 300 piscinas de todo o país agardando que as analíticas permitan de novo o baño sen poñer en risco a saúde. E todo por unha moda que se fixo viral nas redes sociais en que a graza é defecar na auga.
"Patético, é dicir, pechar unha piscina dous nenos para facer un reto viral, por unha parida destas así".
"Paréceme ridículo, a verdade".
"Non ganas nada facendo iso, o único que prexudicas é a xente da vila".
"Paréceme unha porcallada e tiña que coller esa persoa e tería que pagar as consecuencias".
"Non sabemos se a persoa que o fixo ten algunha enfermidade, infeccións ou ese tipo de cousas".
"Ao final decátaste do dano que fan as redes sociais entre a xente nova", comentan varios usuarios de piscinas municipais.
O reto marrón chegou tamén a Galicia. Esta piscina municipal de Ordes estivo pechada 3 días para evitar un risco para a saúde dos bañistas. Todo apunta que a trasnada se fixo o venres pola noite. O sábado foron os socorristas os que se atoparon co marrón.
"Ti collías a rede e intentábalo sacar pero desfacíase porque claro, nós intuímos que iso foi pola noite, entón xa levaba unhas cantas horas alí", apunta Antía Martínez, socorrista na piscina municipal do Muíño.
As consecuencias poden ser graves porque os excrementos conteñen bacterias e parasitos. Neste laboratorio de Santiago é onde fixeron as analíticas.
"Só se analiza o E. Coli, realmente é o indicador máis utilizado na detección de contaminación fecal", explica Xoán Carlos Vila, coordinador técnico de laboratorio de Espina y Delfín
O tratamento da auga a base de cloro obrigou a ter a piscina pechada, e todo xusto no medio dunha vaga de calor que foi o que máis enfadou os usuarios. Os resultados foron negativos e onte volveu abrir de novo.
"Non fixo ningunha graza, vaia".
"Uns días que veñen bos e que teña que estar pechada a piscina".