Publicador de contidos

Publicador de contidos

A transformación dixital na empresa, a exame nunha xornada organizada por Roberto Verino

A transformación dixital na empresa, a exame nunha xornada organizada por Roberto Verino

G24.gal 21/09/2022 21:20

A coruñesa Yaiza Canosa é fundadora e CEO da empresa de loxística GOI, que só en seis anos conta con 250 empregos directos, máis de 1.000 indirectos e un volume de negocio de 60 millóns de euros.

Para ela: "A transformación dixital ten que ser a espiña dorsal de calquera organización a día de hoxe, porque estamos moi afeitos a que o cómodo sexa o estático, pero nun mundo onde todo cambia tan rápido ou te moves ou estás morto".  

Para os expertos, a dixitalización, acelerada pola pandemia, xa non é unha opción para as empresas. "O que está claro é que a transformación dixital non se compra. Ti non vas a un sitio ou a unha web e dis 'merco transformación dixital e traioa á empresa', é algo que nos afecta a todos na nosa vida e é un cambio cultural", argumenta Jaime Saavedra, director asociado de Altia, empresa especializada en solucións tecnolóxicas. 

GOI e Altia foron dúas das empresas que participaron nunha xornada sobre transformación dixital organizada por Roberto Verino, que iniciou en 2011 a súa propia dixitalización baseada nun cambio cultural, de procesos e tecnoloxía.

Explica Pablo Aranda, director de Sistemas de Roberto Verino, que esta transformación se fixo sempre "apoiada nas novas tecnoloxías de big data ou analítica preditiva que nos permitan facer as preguntas correctas para obter os datos correctos para continuar no noso caso outros 40 anos máis",  

A xornada de debate sobre a transformación dixital é unhas das actividades organizadas por Roberto Verino para conmemorar o seu 40.º aniversario.

Tivo lugar na Fundación Luís Seoane, onde ata o domingo 25 de setembro se pode visitar a exposición fotográfica sobre as catro décadas de traxectoria do deseñador ourensán. Tras o seu paso pola Coruña, a mostra viaxará por territorio español para visitar outras dez cidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade