Publicador de contidos
Publicador de contidos

Naceu a tortilla estilo Betanzos hai máis dun século nun restaurante do veciño Coirós?

Naceu a tortilla estilo Betanzos hai máis dun século nun restaurante do veciño Coirós?

Así o defende a investigación que realizou a Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Fillos de Ois

Tortilla estilo Betanzos
G24.gal 10/06/2024 14:28

Tortilla de Betanzos ou tortilla de Coirós? Esta tortilla de patacas con ovos soltos é popularmente coñecida como o estilo Betanzos, pero os seus veciños de Coirós din que foi nese concello onde naceu a receita hai máis dun século.

"Non se trata de reivindicar que non se chame de Betanzos -en Betanzos elabórase igual que se fai en moitas partes- senón de onde naceu a receita. E naceu aquí. Ninguén se pode atribuír a orixe da paella máis ca os valencianos, pero non só en Valencia se fan grandes paellas ", comenta un membro da Sociedade Cultural Fillos de Ois. 

De feito un restaurante de Coirós vai competir contra outro de Betanzos polo título da mellor tortilla de España. Ambos foron seleccionados xunto con outros restaurantes galegos para disputar o próximo campionato estatal.

A aparencia e a receita son a mesma en Betanzos que en Coirós. Exterior sólido, pero con ovo líquido no interior que se estende ao primeiro corte.  

A Sociedade Cultural Fillos de Ois, de Coirós, realizou unha investigación que publican no último número da revista As Catro Aldeas, que reivindica a autoría da receita xenuina para María Valiño, que rexentaba co seu marido unha taberna nese concello. Miguel  Galloso, Socio da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Fillos de Ois di que nesa parroquia todo o mundo o sabía, pero non estaba documentado.

Hai máis dun século os arrieiros facían parada na taberna tras subir cos carros a costa do Sal. Miguel Galloso, socio da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Fillos de Ois conta que era o punto onde os arrieiros paraban a comer e daquela facíase moita tortilla porque era un prato socorrido que se podía facer no momento e non requíría moita intendencia.

Ángel Arcay, director do Museo das Mariñas di que daban de comer a moita xente que estaba de paso e que é moi posible que a rapidez coa que se pedía que estivese lista a comanda foi o que deu orixe a esta receita.

Fose como fose, a filla de María, Angelita, levou a receita da súa nai para Betanzos. Dende o restaurante La Casilla, o estilo da súa tortilla de patacas popularizouse en todos os locais de restauración da zona. "É coñecida coma tortilla de Betanzos, que en realidade debería ser coñecida coma tortilla de Coirós", di Miguel Galloso.

En Betanzos non moitos saben a historia, pero tampouco molesta. Ao final todo queda entre veciños. Os de Coirós non disputan o título, pero si pretenden que se lles recoñeza a orixe da receita. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade