Publicador de contidos
Publicador de contidos

A tempada de pesca continental abre en Galicia o 17 de marzo e prolongarase ata o 31 de xullo

A tempada de pesca continental abre en Galicia o 17 de marzo e prolongarase ata o 31 de xullo

No caso do salmón, o período hábil abarcará desde o 1 de maio ata o 30 de xuño

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 20/02/2024 15:44

A tempada de pesca deste ano en Galicia arrincará o próximo 17 de marzo e finalizará o 31 de xullo, tal e como establece a orde anual publicada este martes no Diario Oficial de Galicia.

No caso concreto do salmón, o período hábil abarcará desde o 1 de maio ata o 30 de xuño, salvo no caso do couto da Frieira onde finalizará o 31 de xullo. En todo caso, poderá adiantarse o final da tempada en función das capturas.

A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A ratio anual no río Ulla queda fixada en 15 exemplares; no Mandeo os exemplares serán cinco; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Muíño fíxase en oito; e en Couto de Salmeán, en 10.

No resto dos cotos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura. En relación cos cebos, poden ser naturais autorizados ou artificiais, que son elaborados imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar (por exemplo, a mosca artificial).

Pesca do reo

A tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e finalizará o 31 de xullo. En todo caso, prolongarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e ata o 31 de agosto no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde.

A cota de captura establécese en dous exemplares por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 35 centímetros, pero no caso do río Eo compartido será de 25 centímetros.

Sobre os cebos, en caso dos artificiais permítense os mesmos que para o salmón, ao que se suma tamén a 'rocha'. No que respecta os naturais, autorízanse todos, excepto calquera tipo de ovas de peixe e o peixe natural; e en augas con salmón tampouco se permiten os cebos naturais, só os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.

Pesca de troita

Para esta especie, a tempada arrincará o 17 de marzo e finalizará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas con salmón, nas de reo ou nas de montaña, o inicio atrasarase ata o 1 de maio.

Como norma xeral, establécese a posibilidade de capturar seis exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros.

Doutra banda, este ano védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía. A pesca da saboga só se autoriza no treito do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 9 de xuño.

Así mesmo, autorízase exclusivamente dentro dos ámbitos territoriais que se indican na orde de pesca das seguintes especies exóticas invasoras: perca americana, carpa, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal.

Con carácter xeral, decláranse os luns como días inhábiles para a pesca, excepto festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade