Alertan do perigo de que o alto prezo de froitas e hortalizas leve a optar por procesados
A suba dos prezos condiciona a compra do 62 % dos consumidores
Un dos casos máis destacados é o da sandía: custa tres veces máis que hai un ano
Os produtores vense na obriga de repercutir os custos de produción aos consumidores
A continua suba dos alimentos está a mudar a nosa cesta da compra. Ante o incremento dos prezos dalgúns produtos, os consumidores buscan alternativas máis económicas. O 62 % dos españois xa introducimos cambios nos nosos hábitos de compra, segundo os datos da Organización de Consumidores e Usuarios.
Reduciuse o consumo de carne, de pexe, hortalizas e froita. No caso concreto das froitas, no primeiro cuadrimestre deste ano as vendas diminuíron case un 5 %
Algunhas froitas tan típicas desta época como o melón ou a sandía son tres veces máis caras ca hai un ano. O encarecemento da enerxía e dos transportes está detrás desta alza.
O peto sofre e condiciona os hábitos de consumo mesmo con básicos da compra como a froita. Algúns optan por priorizar os gastos a prol dunha dieta saudable. As vendas estanse a frear e aos produtores non lles queda outra que subir os prezos, porque a eles multiplicáronselles os custos de produción.
Os nutricionistas alertan do perigo de substituír a froita por produtos procesados, e dan alternativas máis económicas como mazás ou peras de San Xoán, sempre priorizando o consumo de froitas e hortalizas frescas e de tempada.
Mais do 60 % dos consumidores recoñecen que axustaron a súa cesta da compra en prol de produtos máis baratos e en detrimento dos produtos máis saudables.