A somnolencia é a terceira causa dos accidentes mortais nas estradas
O uso de medicamentos somníferos e durmir pouco, por exemplo a causa da apnea do sono, figuran entre os detonantes dos sinistros
Xunto co consumo de alcol e de drogas, o exceso de velocidade e as distraccións, a somnolencia é unha das principais causas dos accidentes mortais ao volante. Trátase, por tanto, de algo que con frecuencia preocupa os condutores.
O consumo dos medicamentos de efectos somníferos e non durmir dabondo adoitan estar detrás destas estatísticas. Como tamén figura unha doenza infradiagnosticada, a apnea do sono, que cómpre detectar e tratar a tempo.
"Os síntomas son moi característicos. Son persoas que durante o sono roncan, os conviventes din que quedan sen durmir, quedan sen respiración e parece que van afogar. Temos un tratamento que, malia incómodo, xa que consiste en durmir cun aparato cunha máscara que mete aire a presión e evita as apneas, é moi efectivo", explica Luis Pérez de Llano, xefe do Servizo de Pneumoloxía do HULA.
Un proxecto entre Tráfico e o hospital Lucus Augusti de Lugo vai derivar ao Servizo de Pneumoloxía os condutores implicados nos sinistros nos que se estime que a causa sexa o somnolencia.