Publicador de contidos

Publicador de contidos

A situación da IA en Galicia, por María Bastida

A situación da IA en Galicia, por María Bastida

O tamaño empresarial, o carácter innovador e a especialización produtiva parecen ser factores determinantes para a expansión do uso da IA

G24.gal 05/06/2023 11:36

Nos últimos meses estamos a incorporar cada vez máis nas nosas conversas cotiás a expansión e desenvolvemento de aplicacións de intelixencia artificial (IA), un fenómeno relativamente recente, pero imparable, e cunha velocidade vertixinosa difícil de seguir.

Parece claro que a IA ten potencial para xerar beneficios ás empresas, coma unha maior eficiencia, o aforro de custos, unha maior produtividade e un mellor uso da información, ademais de facilitar un mellor asesoramento aos clientes e simplificar e optimizar os procesos e a toma de decisións.

De particular importancia, tamén, son as aplicacións que poden achegar unha mellor oferta de produtos e servizos a consumidores e usuarios, ademais de facilitar a previsión de demandas futuras cambiantes.

Paralelamente, a IA introduce serias dúbidas en relación co seu efecto no traballo. Máis aló de predición catastróficas de destrución masiva de empregos, o certo é que os requirimentos para desenvolver eficientemente os postos de traballo están xa a cambiar, o que fai urxente recualificar ás personas incidindo na formación no uso da IA, para minimizar a ameaza de substitución de traballo, especialmente o relacionado con habilidades e tarefas de menor cualificación. 

En Galicia a IA está en fase incipiente, aínda que as empresas galegas parecen ser conscientes da importancia destas aplicacións e manifestan claramente a súa intención de mellorar na súa aposta por estes desenvolvementos.

O tamaño empresarial, o carácter innovador e a especialización produtiva parecen ser factores determinantes para a expansión do uso da IA, e algún destes elementos poderían non favorecer as empresas galegas.

Con todo, tamén é certo que pode ser máis doado incorporar pequenas aplicacións de IA en empresas pequenas, o que pode ser determinante para comezar a introducir avances.

Por outra banda, as empresas manifestan a súa preocupación por non deixar escapar todo o potencial que pode derivarse da expansión da IA, pero ás veces descoñecen como facelo. Por elo, é fundamental implantar accións cara a mellora do coñecemento e uso potencial da IA, ademais da difundir as oportunidades de mellora e beneficios que implica.

A capacitación do capital humano merece un comentario aparte. En termos xerais, as empresas recoñecen dificultades na captación de talento especializado. Isto non só significa que é complicado identificar e contratar persoas con coñecementos para desenvolver e aplicar IA, senón facer ofertas de traballo suficientemente competitivas para ser quen de atraer o talento dispoñible no mercado.

En paralelo, cómpre destacar que non se trata unicamente de coñecementos especializados, senón de elevar a cualificación xeral do persoal das organizacións para poder traballar de xeito complementario coas novas tecnoloxías.

Certo que Galicia reaccionou ben a esta necesidade, deseñando formación universitaria neste eido. Con todo, hai que esperar a que esta capacitación madure e comece a proporcionar egresados ao mercado laboral.

Por iso, as estratexias combinadas de formación formal e informal son unha baza importante a xogar, de xeito que a capacitación no uso da IA vaia incrementándose en todos os ámbitos das empresas.

En definitiva, estamos asistindo á expansión dun fenómeno que pode ser determinante para a obtención de vantaxes competitivas para as empresas, pero que introduce riscos para todas as que non poidan incorporarse a estas dinámicas e, sobre todo, para aqueles postos de traballo que non melloren o seu nivel de cualificación.

Todo isto apunta á necesidade de  mellorar a interrelación entre as empresas, a administración es as universidades, para acadar un papel tractor na IA.

Ademais, precísase contar con políticas públicas áxiles e intelixentes que teñan respaldo social. En resumo, deseñar unha acción coordinada e complexa que favoreza o tránsito cara a modelos de traballo e produción coordinados. A IA nos preocupa, pero tamén debe ocuparnos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade