Publicador de contidos

Publicador de contidos

A situación da banca, por Maite Cancelo

A situación da banca, por Maite Cancelo

Os bancos españois teñen o seu negocio moito máis diversificado e un amplo colchón para cubrir a súa liquidez

Despois da crise do 2008, os controis e requirimentos á banca fixéronse moito máis ríxidos e rigorosos

G24.gal 21/03/2023 07:44

Crise financeira? Ante todo, moita calma

Nos Estados Unidos o endurecemento monetario tan agresivo foi unha das causas da deterioración das carteiras de activos da banca, que tivo un impacto sobre algunha entidade mediana, como o Silicon Valley Bank, que, ante a necesidade de liquidez para atender as necesidades dos seus clientes, tivo que malvender bonos, e iso provocou o pánico. Por iso, a expectativa nos EUA é que a Reserva Federal (se o dato de inflación é o esperado) poida acometer unha política de moderación das subidas de tipos e, así, acougar os mercados financeiros.

O que ocorreu cos bancos nos EUA, sen ter moitas similitudes co ocorrido en Suíza, tivo o seu impacto. O Credit Suisse xa viña arrastrando, dende hai dous anos, problemas de liquidez e capitalización importantes, ademais dun descrédito internacional, ante as continuas noticias sobre as súas “opacas” e arriscadas operacións. Pero a caída en USA do Silicon Valley Bank tivo un efecto contaxio, dende o outro lado do Atlántico, nunha entidade que, como dicíamos, xa tiña serios problemas de solvencia.

A influencia dos tipos de xuro, como viamos no caso do SVB, é clave cando as entidades financeiras necesitan liquidez, non teñen os cocientes de capital necesarios para afrontala e os seus activos están compostos maioritariamente por bonos, o que non é o caso da banca europea, que está en mellor situación ante as subidas de tipos, pola propia composición dos seus recursos, con maior porcentaxe de capital e reservas que de débeda.

Ademais, a rendibilidade da banca española é maior que a doutros países (como se recolle nalgún informe do Banco de España no que compara o cociente ROE para varios países), polo que, a pesar de que as marxes de corretaxe están a reducirse pola caída de tipos a longo prazo provocada polas expectativas dos axentes, a liquidez está garantida (ao contrario do que aconteceu nas entidades americanas, o caso suízo é distinto).

Hai risco na Banca española?

Os bancos españois (sobre todo, os grandes, os considerados sistémicos), a diferenza dos americanos, teñen o seu negocio moito máis diversificado e un amplo colchón para cubrir a súa liquidez. Computando capital, reservas e outras débedas convertibles, estamos a falar de 2,3 miles de millóns de euros cun nivel de cobertura do 193 %, que é máis dun 25 % do requirido por Europa.

A situación actual, por tanto, non ten nada que ver coa crise do 2008, en que os bancos tiñan unha elevada porcentaxe de activos tóxicos nos seus balances (sobre todo, procedentes do sector inmobiliario, nunha época en que a concesión de créditos hipotecarios era máis “laxa”), con menores controis por parte das autoridades monetarias e menores requirimentos de cocientes de capital e solvencia.

En Europa, precisamente, polo ocorrido na crise do 2008 os controis e requirimentos á banca fixéronse moito máis ríxidos e rigorosos e, ademais, estableceuse un sistema de rescate interno das entidades financeiras para que os estados non teñan que socializar as perdas dos bancos, que xa foi aplicado no caso da caída do Banco Popular en 2017.

Para finalizar, o BCE e numerosos analistas confirman a solidez da banca en Europa (particularmente a española), polo que non podemos deixarnos levar polo pánico, ou, como dicía o título do mítico álbum dos vigueses Siniestro Total: Ante todo, moita calma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade