A Semana Verde de Silleda: escaparate para as razas autóctonas galegas en perigo de extinción
Os criadores de razas autóctonas insisten en que é un patrimonio xenético de todos os galegos que merece ser recuperado
A feira permite coñecer os animais nos espazos de exhibición e informarse sobre as súas cualidades da man das asociacións
Este domingo pecha as súas portas a Semana Verde de Galicia. E faino con cifras de récord. Reuniu preto de 800 expositores de seis países, un 4,6% máis que o ano pasado. E ofreceu máis de 200 actividades para profesionais e visitantes. Alimentación, turismo, gandería, maquinaria, artesanía ou enerxías renovables déronse cita nun certame que mantén o seu carácter multisectorial e que segue sendo o motor de encontro indispensable para o sector primario e a industria galega.
A Semana Verde é para moitos colectivos que traballan na recuperación de razas autóctonas en perigo de extinción un dos mellores escaparates para que os gandeiros coñezan, conserven e aposten polas especies nosas que seguen sendo fundamentais no tecido rural do país.
"Cada vez que viñemos á feira, nos días seguintes os reclamos que hai de información destas razas é moito maior que durante todo o ano. Foi sempre un trampolín impresionante para nós", explica Castor Rivero, presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia
"Cada ano o que notamos é que a xente está máis interesada e coñece moito máis a raza", di Francisco Monasterio, presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos
"Nosoutros o que queremos é apostar pola produtividade e a rendibilidade das explotacións", asegura Cristina Díaz, técnica da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia
A rendibilidade destas especies non se limita só á calidade que ten o noso gando autóctono no prato, tamén ao papel que xoga no medio natural.
"É un patrimonio de todos os galegos. Os nosos antepasados foron elixindo os animais que mellor lle respondían ás súas necesidades e chegaron ata nós. Agora estamos vendo como para a loita contra os incendios temos unhas rozadoras zoolóxicas marabillosas. Traballan os 365 días do ano, festivos incluídos", explica Castor Rivero, presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia
E do curral á cociña, todo dentro da Feira. O Salón de Alimentación do Atlántico permite apreciar e saborear a carne, os ovos e todos os derivados destas razas en perigo de extinción.