Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CSD reúnese coa selección feminina e critica a convocatoria: "É inaceptable"

O CSD reúnese coa selección feminina e critica a convocatoria: "É inaceptable"

Víctor Francos reunirase coas futbolistas en Oliva na procura dunha solución ao conflito aberto pola RFEF

O presidente do CSD baralla pedirlle a adestradora que desconvoque as xogadoras que o pidan sen risco de sanción 

Alexia Putellas, capitá do F. C. Barcelona, asegura que o equipo "está mal"

G24.gal 19/09/2023 20:33

O fútbol feminino español segue escribindo un dos capítulos máis tristes e vergoñentos da súa historia. Ao longo da tarde foron chegando a Valencia, escenario improvisado da primeira convocatoria de Montse Tomé, as xogadoras seleccionadas para os encontros ante Suecia e Suíza. As primeiras, as futbolistas que viaxaron dende Madrid. O corpo técnico desprazouse con elas. Ninguén pronunciou palabra. 

Alexia Putellas asegura que o equipo "está mal"

Alexia Putellas e Cata Coll viaxaron dende Barcelona. Á capitá preguntáronlle primeiro pola non convocatoria de Jenni Hermoso. "Entendedes que é para protexela?, di un xornalista. "De que? Se está todo ben, non?", respondeu Alexia. "E vós como estades?", insiste a prensa. "Pois mal", afirmou con rotundidade a internacional. 

Axiña se lles uniron Ona Batlle, Irene Paredes e Mariona Caldentey. No avión, finalmente retrasado por unha avería, agardaban Patri Guijarro, Aitana Bonmatí e Mapi León. Laia Alexandri e Lucía García aterraron sen problema procedentes de Manchester. 

O presidente do CSD di que o acontecido é inaceptable e reunirase en Valencia coas futbolistas

Víctor Francos, presidente do Consello Superior de Deportes, e desde este martes mediador no conflito, ten previsto reunirse con elas en Valencia nas próximas horas. "Imos ver que propoñen as xogadoras, queremos escoitalas. O que pasou onte é inaceptable e así llo transmitimos á Federación. Eu comuniqueille ao presidente interino que isto non podía ser e que eu sentía que o meu lugar está, como mínimo, a carón das xogadoras para escoitalas e coñecer que solucións propoñen", dixo á súa chegada ao hotel de concentración en Oliva.

Este mediodía Francos asegurou que as futbolistas teñen medo e reclamou eleccións inmediatas na Federación. O Consello baralla pedirlle á seleccionadora que desconvoque as xogadoras que non desexen viaxar a Suecia sen risco de sanción, nin económica nin federativa, para elas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade