A seca e a calor estragan viñedos na Ribeira Sacra
En perigo ata o 50 % da colleita de uva godello
Agárdase unha mingua na cantidade de viño producido
Ata un 50 % da colleita de uva godello podería perderse este ano na Ribeira Sacra se continúan as vagas de calor e a seca. Boa parte dos acios xa están danados polo efecto da luz solar e as altas temperaturas. Unha situación que tamén afecta a caste garnacha. Cando falta arredor dun mes para o comezo da vendima, as expectativas son dunha colleita inferior en litros á dos últimos anos porque as videiras están deshidratadas.
As elevadas temperaturas, xa se acadaron máis de 40 graos en semanas diferentes no que vai de verán, frean a maduración das uvas e demoran a actividade vexetativa das videiras. Ademais, as cepas que se plantaron nos últimos anos están moi afectadas e boa parte delas ou morreron ou levan camiño. A única parte positiva da calor e a seca é que os fungos non aparecen e pódese reducir o número de tratamentos fitosanitarios.
Botar man do rego por goteo, atrasar a vendima ou protexer os acios con follas son solucións parciais a un problema que só o clima pode solucionar.