A sangría do pequeno comercio, por Santiago Calvo
O pequeno comercio español segue perdendo pulso. É unha caída lenta, pero constante, e xa dura máis dunha década. Segundo os datos máis recentes, España perdeu máis de 142.000 tendas en dez anos, o que significa que hoxe hai un 18,5 % menos de comercios que en 2013. Traducido ao día a día: case 40 peches diarios. E detrás de cada persiana que baixa hai un autónomo, unha familia, unha rúa que queda un pouco máis baleira.
A situación en Galicia non é mellor. De feito é das comunidades que máis nota este sangrado: desapareceu o 24,4 % do comercio, unha cifra practicamente idéntica á de Aragón e só lixeiramente mellor que a de Castela e León. Para facérmonos unha idea, un de cada catro negocios galegos que existían hai dez anos xa non está.
E o que preocupa non é só a caída, senón o tipo de negocio que desaparece. A maioría dos peches corresponden a autónomos sen empregados, comerciantes que levaban sós o seu establecemento —un 68 % dos casos—. É dicir, o comercio máis pequeno, o máis próximo, o que dá vida aos barrios e ás vilas.
Por que pasa isto? A competencia das plataformas en liña é unha parte importante do problema. Teñen máis capacidade de negociación cos provedores, prezos máis baixos e unha comodidade que o consumidor valora cada vez máis. Pero sería un erro quedar só aí. Hai máis capas.
A primeira, os custos. A electricidade, os alugueiros e as materias primas elevaron a factura a niveis que moitos comercios non poden soportar. Para quen ten empregados, súmanse os aumentos do salario mínimo e das cotizacións sociais. A segunda, as trabas administrativas: abrir un pequeno negocio en España segue sendo unha carreira de obstáculos burocráticos. E iso, en Galicia, coñécese ben: licenzas lentas, ordenanzas desactualizadas e unha administración que non sempre facilita o camiño.
Tamén pesa o acceso ao crédito. A banca endureceu as condicións e moitos proxectos quedan na porta antes de botar a andar. E nos últimos anos entra en xogo outro factor: a presión do turismo e dos alugueiros de curta estancia, que disparan o prezo dos locais comerciais en zonas urbanas e expulsan aos pequenos negocios tradicionais.
Mentres tanto, os datos de supervivencia empresarial non acompañan. Só o 43,8 % das empresas que nacen en España logran chegar vivas aos cinco anos, e no primeiro ano xa caen arredor do 22 %. É dicir, emprender é un acto de valentía, pero tamén un deporte de risco.
O resultado é un país e unha Galicia con menos comercio de proximidade, menos vida de barrio e menos tecido económico propio. E a pregunta queda no aire: que facemos para que a próxima década non conte a mesma historia, pero máis baleira?