Publicador de contidos

Publicador de contidos

A roubo por día en negocios de Ribeira: "Dáme os cartos", coitelo en man

A roubo por día en negocios de Ribeira: "Dáme os cartos", coitelo en man

A reacción dun camareiro frustrou un atraco pero horas antes tentaran entrar na libraría que está en fronte

"Son sempre os mesmos", a queixa, entre a frustración, de comerciantes e hostaleiros

G24.gal 16/01/2026 14:33

"'Dáme os cartos da caixa'. Era unha persoa delgada, de 1,75-1,80, encapuchada. Só se lle vían os ollos e o nariz. Cun coitelo", describe José Manuel Romero, camareiro no bar Rúa.

Coma nunha película, este é o último capítulo ata hoxe dunha serie de roubos que xa dura máis do que debería e que non parece ter un final á vista.

"Dixen: se vou á cociña, vaime picar. Daquela collín un vaso de onde teño a vaixela e ameaceino. Entón, o individuo escapou", engade Romero.

Horas antes de tentalo no bar probaran na libraría que está xusto en fronte.

"Cheguei e tiña a porta totalmente rota e miramos se entraran, pero non chegaran a acceder porque os veciños sentiron ruído e chamaron a policía", conta outra vítima, Mari Carmen Lijó, dona da Libraría Nobel.

Tamén nunha panadaría do centro da vila e no estanco, que está ao outro lado da rúa. Van a eito. 

"Leva sucedendo xa dende bastante atrás porque xa pasara cos coches, ringleiras enteiras, e no meu coche, dúas veces", comenta unha clienta da libraría.

"Rouban tarxetas e van comprar tabaco ou o que sexa. É en toda Ribeira. Se non che toca hoxe, tócache mañá", denuncia a libreira.

"Na rúa peonil, que están os de sempre, cando vas entregar un paquete, veñen á furgoneta probar se quedou a porta aberta. Pasoulles a varios compañeiros e a un leváronlle unha televisión", confirma un repartidor.

Sempre os mesmos e en busca de "carto fácil".

"Collen, rouban o que sexa e marchan, aínda que só sexa un cambio nada máis. Para o seu vicio e punto. Saben quen son, ese é o problema, pero a policía dinos que son xente que saíron agora do cárcere. E que culpa temos nós?, lamenta Lijó.

"Coñecemos a xente que anda metida neses percais", sentenza o camareiro.

O peor é o medo e a frustración que deixan ao seu paso. 

"Nunca me vira sometido a que me ameazaran cun coitelo, que non era pequeno. Era un coitelo xeitoso", lembra José Manuel Romero.

"Inseguridade total", engade Mari Carmen Lijó.

Comerciantes e hostaleiros prevén unha xuntanza para buscar solucións. A primeira, téñena clara: fai falta maior presenza policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade