Do alivio á decepción en Ferrolterra cun novo roubo nun bar
O asalto coincide coa caída do grupo que roubaba en negocios de hostalaría da comarca
No último roubo tamén entraron a golpe de maza e levaron toda a recadación dun día de traballo
Que logo cambiaron as tornas! Da alegría pola detención do grupo que roubaba en bares por toda a comarca de Ferrolterra a esta imaxe. Hoxe mesmo, na praza de España de Ferrol.
"Ás seis e media da mañá estábame organizando para vir abrir o bar e saltou a alarma. Dende o primeiro momento, souben que se meteran", conta Rosa Pilar Cabezas, a propietaria do Corchea.
Rápidos, eficaces, e violentos, coma nas anteriores ocasións. Co nocturnidade e aleivosía.
"Rebentaran o cristal, a máquina. Nós no meu país dicimos cunha "porra", aquí ten outro nome", engade.
Unha maza. Mesmo modus operandi que no roubo desta cafetería de Fene ou esta outra de Canido. Eran dous homes aos que prenderon hai só uns días pero curiosamente desta vez tamén entraron dúas persoas, e co mesmo obxectivo.
"Eran dúas persoas. Un deles tapa a cabeza e a cara coa capucha. Cando entran un deles vai para a máquina comecartos e outro vai para a caixa. Saca os cartos e vaise. Como non poden abrir a máquina, marchan", explica a propietaria, polo que veu nas cámaras de seguridade.
Por casualidades da vida, marcharon coa recadación de todo un día de traballo.
"Onte marchei mal e deixei todo. Os cartos colocáraos todos nun só compartimento, todos xuntos. Eu traballo moitas horas. Abro entre sete e sete e media e estou aquí ata a noite para que outro veña e o leve fácil, non", lamenta a propietaria.
A dona ten os seus medos, as súas propias desconfianzas pero a policía investiga se hai relación cos anteriores asaltos. En total, foron catro os detidos, dous por roubar en bares e dous dentro dos coches. Nun caso, mesmo levaron un turismo co que se esnafraron preto dos campamentos da droga. Os catro teñen unha ficha policial extensa e variada.