Publicador de contidos

Publicador de contidos

Terapia musical para levar mellor o Nadal nos hospitais

Terapia musical para levar mellor o Nadal nos hospitais

Dende 2018 a rondalla de Chaín acode cada Nadal para tocar no exterior do hospital Álvaro Cunqueiro 

Os sanitarios do hospital de Ourense compoñen unha panxoliña propia para os seus pacientes

G24.gal 13/12/2025 14:11 Última actualización 13/12/2025 19:58

Non é agradable a estancia no hospital e menos nesas datas tan sinaladas. A rondalla da parroquia de Chaín, en Gondomar, contribúe a facer máis levadío o ingreso levando a súa música ata o centro sanitario, unha iniciativa solidaria que repiten dende hai sete anos e que recibe o aplauso de doentes e profesionais.

Se por prescrición médica o público no pode desprazarse para ver actuar a rondalla, pois non hai problema, porque a rondalla enteira vai ata o hospital. Deste xeito, estar enfermo non lles impide gozar dunha tradición tan propia do Nadal.

"É tan só un pouquiño, para alegralos un anaquiño, porque non dispoñen de moito tempo. E ademais están dentro, non poden gozar ao cen por cen porque as ventás están pechadas e non poden abrilas todo o que quixeran, pero aínda así a idea é achegar o Nadal ao hospital", comenta Fátima Granja, coordinadora da rondalla do Centro Cultural A Mercé de Chaín, parroquia de Gondomar.

A través das ventás, na maioría dos casos, a presenza da rondalla anima a estancia hospitalaria a doentes e profesionais.

"Axudan a que a estancia sexa máis levadía, dentro de que a ninguén lle apetece estar nun hospital, nin a familiares nin a doentes, pero  axudan a saír un pouco da rutina", sinala a doutora María Dolores Viéitez, xefa de xinecoloxía e xefa de garda do hospital Álvaro Cunqueiro nesta fin de semana.

94 membros integran este ano a rondalla da parroquia de Chaín, que fai xa corenta e tres anos de existencia. Cada tempada amplían repertorio e suman novos compoñentes.

"Contamos con nove músicos profesionais, que son os que nos achegan a parte melódica do repertorio que imos tocar. Os oitenta e pico compoñentes restantes son veciños e veciñas que, sen teren formación musical, veñen pasar un bo anaco e a tocar instrumentos de pequena percusión. Moitos instrumentos incluso son rudimentarios, feitos para esta formación. O que facemos é instrumentar o repertorio que temos para cada temporada", explica Daniel González Troncoso, director musical da rondalla de Chaín dende o ano 2015.

Dende 2018 manteñen o compromiso de alegrar cos seus sons e a súa animosa marcha a estadía dos ingresados no Álvaro Cunqueiro, unha terapia musical para complementar o tratamento.

Os sanitarios do hospital de Ourense felicitan o Nadal cunha panxoliña propia

O hospital de Ourense volve felicitar o Nadal con música.  A enfermeira Maite López interpreta o que define como panxoliña sanitaria no vídeo en que participa persoal do hospital e mesmo pacientes. A ritmo de rock fai un percorrido moi animado polos corredores do hospital.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade