Vigo reconquista a zona vella co seu tradicional mercado histórico
A cidade conmemora este 28 de marzo a expulsión das tropas napoleónicas no ano 1809
Milleiros de persoas caracterizadas participan na festa que conta con máis de 200 postos
A celebración, que comezou o sábado 21, supón unha inxección económica para moitos negocios
A festa da Reconquista comezou hai unha semana coa recreación da toma da vila por parte das tropas francesas no Berbés. Dende entón, houbo obradoiros de baile tradicional, foliadas, xogos infantís ou demostracións de oficios antigos.
Neste 28 de marzo, no que se conmemora a expulsión dos soldados franceses da cidade no 1809, continúa a troula cun mercado histórico, desfiles militares, música tradicional e novas recreacións, como o asalto ao carro de subministración.
No día grande da Reconquista, milleiros de persoas caracterizadas percorren as rúas da zona vella onde hai máis de 200 postos de artesanía e gastronomía.
Pero a gran representación, na que a asociación Cidade Vella escenifica a vitoria fronte ao exército napoleónico, está programada para o domingo, 29 de marzo, ás 18:00 horas entre a Porta do Sol, a de Gamboa e o Náutico.
Beneficios económicos
A festa da Reconquista trae bonanza económica aos negocios de hostalaría da zona Vella pero tamén aos bares e restaurantes doutras zonas de Vigo.
Dá o bucinazo de saída á tempada primaveral e moitos establecementos considérana imprescindible, xunto coas luces doe Nadal, para cadrar as contas dos beneficios anuais.
Pero fóra do comer e do beber, tamén supón unha importante fonte de ingresos para moitos comercios que alugan e venden traxes inspirados no século XIX.
En "No te cortes", a unha semana da celebración da Reconquista tiñan todos os traxes alugados. Dous días, 35 euros por atuendo completo. Non son disfraces. É roupa de época que se cose durante todo o ano para este día, en liño, en algodón, en satén...
"Hai prendas que cumpren a súa vida. Hai prendas de anos pasados que hai que cambialas e volvelas facer de novo. Con novos texidos... e iso entra dentro do traballo que dá a festa. Aquí non queda nada porque cada vez hai locais novos en Vigo e requiren que vaian todos vestidos de época", asegura Gerardo Belloso, de No te cortes.
Este ano, segundo Gerardo, imponse a roupa afrancesada, máis chic. E non sabemos como casa iso co clásico choripán pero verémolo en restaurantes como Lume de Carozo que agarda a Reconqista como auga de maio.
"Data que agardamos todos os anos. É un impulso de vir do Nadal, cun acelere tremendo das luces, e de repente é un freo de man para a hostalaría e para o comercio. Pero a Reconquista é o bucinazo de saída para comezar a repuntar outra vez e empezar a facturar", comenta Raquel Ogando, de Lume de Carozo.
"Para moitos negocios fai que o negocio sexa viable anualmente. Os petos do Nadal e da Reconquista fan que o negocio poida sobrevivir e poder pagar as facturas. Disto depende a viabilidade de moitos establecementos. E soben as contratacións neses días e iso é moi bo para xerar emprego. Eu penso que esta festa ao final trae moita riqueza",explica Xoán Xosé Figueroa, presidente da asociación de hostaleiros e comerciantes do Casco Vello.
Riqueza económica, cultural e, como di o presidente da asociación Casco Vello, da felicidade que agasalla a hostalaría a moita xente durante toda a Reconquista.