A reacción do Breogán non tivo premio final
Fixo un parcial de 18-0 no último cuarto e púxose a tres puntos a un minuto do final, pero o Murcia acabou levando o partido (60-65)
As opcións europeas do Breogán minguaron logo da derrota no Pazo diante do UCAM Murcia (60-65). Tres cuartos de moi baixa anotación deron paso a unha reacción que a piques estivo de ser histórica logo dun parcial de 18-0 no derradeiro período.
O partido comezou ben para os de Mrsic (10-4) pero un parcial de 2-10 deulle a vantaxe a Murcia antes do final do primeiro cuarto (15-16). No segundo foise do partido o equipo lucense. Iso aproveitouno o UCAM para irse por once puntos (19-30). O traballo de Happ minimizou os danos e o Breogán marchou ao descanso sete abaixo (27-34).
A desfeita chegou no terceiro cuarto no que o Breogán fixo malas porcentaxes de tiro (3/16) e diso tirou proveito o equipo de Sito Alonso para marchar no marcador ata acadar un contundente 35-54.
Afrontaron os visitantes dezanove arriba o último cuarto pero entón chegou o momento do Breogán no partido. A resposta foi contundente cun 18-0 que lle permitiu chegar ao último minuto a só 3 puntos (60-63). Estaba contra as cordas o Murcia pero xestionou mellor ese treito final e acabou logrando o triunfo co que lle quita a novena posición ao Breogán, o que dá acceso directo á Champions.