A Radio Galega estrea estudio multimedia en que conflúen radio, televisión e Internet
A estrea coincide co 37 aniversario da emisora pública
A Radio Galega está de parabéns por partida dobre. No día en que fai 37 anos estrea tamén o seu novo estudio multimedia. Un espazo no que converxen a radio, a televisión e Internet para que a súa voz chegue a todos os públicos.
Desde este estudio emitirase o 80 % da programación en directo da radio pública.
A voz segue sendo protagonista e a radio segue sendo radio pero desde hoxe ademais de escoitalos poderemos velos, na televisión, nas redes e nas novas plataformas dixitais.
"Estaremos no audio da radio, na FM, pero tamén a nosa audiencia poderá comezar a ver os nosos programas nas plataformas como YouTube ou Facebook Live e tamén nas nosas páxinas web e aplicacións para móbiles", explica Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega.
O departamento técnico da emisora pública incorporoulle a este estudio cámaras, comunicacións exteriores con vídeo e audio cos que levar a radio galega ao mundo actual da comunicación.
O equipo do Galicia por diante foi o encargado de poñer voz e cara á primeira emisión. Están moi felices asegura o condutor do programa, Kiko Novoa, de poder falar e que a xente os vexa e participe e interactúe.
Ademais, o estudio 5 está preparado para a gravación e emisión de concertos e a presenza de público en directo.