Ana Pontón: "Cáusame horror que a Xunta peche filas cun presunto agresor sexual"
A voceira nacional do BNG acusa ó presidente da Xunta de non facer nada tras coñecer a denuncia contra o exconselleiro do Mar
Pontón esixe que Alfonso Rueda compareza no Parlamento para dar explicacións sobre este asunto
A voceira nacional do BNG considera "gravísimo" que un membro do goberno galego estea sendo investigado por cometer, presuntamente, unha agresión sexual.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Ana Pontón acusou o presidente da Xunta de "encubrir" a denuncia e de dar "amparo institucional" a unha forma de violencia contra as mulleres.
Pontón insistiu en que é "urxente" que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar explicacións.
"O señor Rueda ten que comparecer canto antes no Parlamento para explicarnos por que está cuestionando esta denuncia e por que coñecía estes feitos dende febreiro e non fixo absolutamente nada".
Tras expresar a súa solidariedade coa vítima, Ponton tachou de "gravísimo" que o goberno galego non tivese palabras de apoio para a muller e que os membros do Consello da Xunta aplaudiran a Alfonso Villares na súa despedida.
"Cáusame horror ver que o goberno do señor Rueda, que ten a obriga legal e moral de protexer as mulleres ante a violencia machista, peche filas co presunto agresor e anuncie que espera poder recuperalo canto antes para a política. Paréceme gravísimo que non haxa nin unha soa mención, nin unha soa palabra de apoio a unha muller que denuncia unha agresión sexual e que se permita que este conselleiro saia entre aplausos dos membros do Consello da Xunta en sede institucional".
Ana Pontón cualificou de "gravísima" a mensaxe que, ao seu entender, se lles está a enviar ás mulleres galegas e pediu que non se frivolice coa violencia machista.
Caso Leire Díez
Preguntada polos audios filtrados da que fora concelleira socialista, Leire Díez, a voceira nacional do BNG sinala que non se sente reflectida na forma actual de facer política, marcada pola crispación e a descualificación, unha situación na que cre que o PP "ten moita responsabilidade".
"Hoxe mesmo o PP convocou en Madrid unha mobilización contra a corrupción. Paréceme un exercicio de hipocrisía política. Quero lembrar que é o único partido de todo o estado español e da Unión Europea condenado por corrupción".
Ana Pontón engade que con esta "estratexia" os populares impiden que se fale dos problemas reais da xente como "a situación crítica" do sistema sanitario.
"Non é casualidade. É resultado dos recortes e das privatizacións do PP. Por iso temos lista de espera para ir ao médico ou á médica de cabeceira e once mil nenos e nenas están sen pediatra".
Vivenda
A voceira nacional do BNG afirma que o acceso á vivenda é a principal preocupación dos galegos. Engade que é resultado "da política do goberno do PP que desmantelou a vivenda pública".
Ana Pontón sinalou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que en 2024 a Xunta deixou de executar 127 millóns de euros dos orzamentos mentres milleiros de persoas están desesperadas porque non poden acceder a unha vivenda.
"Reclamamos menos anuncios e máis feitos, porque o que se precisa nestes momentos é recuperar a política social de vivenda e actuar xa. O que non se pode tolerar son casos como o de Xuxán (na Coruña), onde a Xunta anuncia vivenda social e despois vemos que os alugueiros poden chegar aos mil euros".
Pontón demanda fomentar a vivenda social destinada ao alugueiro, a declaración de zonas tensionadas para controlar os prezos e un programa real" para mobilizar as 90 mil vivendas baleiras que hai en Galicia.
"Insisto en que o máis urxente é que se tomen medidas para que o prezo dos alugueiros deixe de subir. Están nuns niveis imposibles. Nos últimos anos subiron máis dun 50% nalgunhas zonas do país e non coñezo a ninguén a quen lle subiran o salario o 50%".
Preguntada pola cualificación permanente das vivendas protexidas, a voceira nacionalista sinala que é unha proposta que o BNG leva facendo dende hai tempo e que o PP opúxose na lexislatura anterior.
Política industrial
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Ana Pontón responsabilizou o Partido Popular da perda de 31 mil empregos industriais en Galicia dende 2008.
Segundo explicou, os populares non son capaces de atraer proxectos innovadores e de futuro.
"O PP ofrece a bomba ambiental de Altri, a megaminería e o espolio, beneficiando as empresas amigas, o lobby eléctrico ou o mineiro. Galicia merece outro tipo de proxectos".
Con respecto á fábrica de biofibras que Ence proxecta nas Pontes, Pontón amósase prudente pero marca distancias coa celulosa de Altri en Palas de Rei.
"Aínda faltan informes e imos facer un seguimento rigoroso, aínda que (o de Ence) é un proxecto diferente a outros que teñen un gran nivel de oposición como é o caso de Altri".
En canto á minería, a voceira nacional do BNG aposta por proxectos sustentables que pechen o ciclo produtivo en Galicia. Oponse a que a riqueza mineira se poña ó servizo de grandes empresas que se limitan a extraer os recursos producindo un grande impacto ambiental.
"Un exemplo paradigmático é o da mina de Doade. Queren extraer o noso litio para despois producir baterías en Zaragoza, onde van crear catro mil postos de traballo e facer investimentos multimillonarios".