Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda define o Álvaro Cunqueiro como "símbolo" da sanidade pública galega no seu décimo aniversario

Rueda define o Álvaro Cunqueiro como "símbolo" da sanidade pública galega no seu décimo aniversario

O hospital rexistrou máis de 358.000 ingresos e 1,8 millóns de atencións en urxencias dende 2015

A Xunta anuncia novos servizos e destaca os avances tecnolóxicos e en investigación do centro

G24.gal 27/06/2025 20:35

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo celebrou este venres o seu décimo aniversario cun acto institucional no que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, definiu o centro como un "símbolo" dunha sanidade pública "de vangarda" e un referente asistencial, docente e investigador en Galicia.

Durante o acto, no que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e César Cunqueiro, fillo do escritor que dá nome ao hospital, Rueda afirmou que o complexo representa "un firme compromiso" co futuro asistencial da comunidade.

O titular do Goberno galego destacou que desde a súa posta en marcha en 2015, o hospital rexistrou máis de 358.000 ingresos hospitalarios, preto de 123.000 intervencións cirúrxicas, ao redor de 4 millóns de consultas externas e máis de 1,8 millóns de atencións en urxencias.

Rueda puxo en valor tamén o traballo dos 3.800 profesionais do centro e sinalou que os niveis de satisfacción media entre os usuarios superan o 90 %.

Avances e novos servizos

O presidente subliñou a incorporación de tecnoloxías punteiras como a cirurxía robótica, as terapias CAR-T —baseadas en inmunoterapia celular— ou unidades pioneiras en saúde mental. Tamén destacou a actividade investigadora, con máis de 40 ensaios clínicos só en Oncoloxía.

De cara aos próximos meses, o Álvaro Cunqueiro ampliará a súa oferta cunha nova área de rehabilitación cardíaca, un hospital de día médico e unha unidade de reprodución asistida. Segundo indicou Rueda, a Xunta investiu nos últimos anos máis de 6,8 millóns de euros en obras de mellora e máis de 15 millóns en nova tecnoloxía médica.

Un proxecto marcado pola polémica

A construción do hospital estivo rodeada de controversia pola fórmula de financiamento elixida. O Consello de Contas cifrou nun informe un sobrecusto de 470 millóns de euros derivado do contrato de concesión, aínda que en termos de valor actual neto esa cifra redúcese a 165 millóns.

O órgano fiscalizador apuntou que unha licitación por separado das obras e dos servizos tería sido “máis eficiente”.

A polémica chegou ao Parlamento, onde se creou unha comisión de investigación. O ditame final, aprobado unicamente co voto do PP, concluíu que a Xunta optara pola "única opción viable" para construír o hospital.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade