Publicador de contidos

Publicador de contidos

A protesta dos agricultores colapsa o centro de Barcelona

A protesta dos agricultores colapsa o centro de Barcelona

As mobilizacións causan problemas de circulación en 8 comunidades autónomas

80.000 camións afectados e 5 detidos en Granada

Antón Montero 07/02/2024 19:36 Última actualización 07/02/2024 20:08

En Barcelona, a hora punta deste mércores non foi como a de todos os días. Máis de mil tractores, segundo os Mossos d'Esquadra, tomaron o centro da capital catalá. Convois chegados de todas as comarcas da comunidade confluían a mediodía nas avenidas Meridiana e Diagonal. 

O seu destino era a Delegación do Goberno e a sede da Comisión Europea na cidade. O presidente da Generalitat e o conseller de Acció Climática coñeceron de primeira man as súas demandas.

Son as mesmas que se escoitaban este mércores en toda España: que se rebaixen unhas políticas medioambientais que os asfixian e igualdade nas esixencias para os produtos importados. Diso se queixaban os agricultores que pola mañá bloqueaban o porto de Castelló.

“Porque é o porto que máis bonifica de España as taxas portuarias á entrada dalgúns produtos agroalimentarios, entre eles os cítricos. Estamos nunha zona sensible e esencial da citricultura e non entendemos como ao lado da nosa casa nos agriden desa forma”, explicaba un agricultor.

"Estamos sufrindo unhas importacións de Exipto e de Turquía que non cumpren con esa normativa. Están afectando á saúde e a seguridade alimentaria", queixábase outro.

A súa protesta foi abortada pola forza. O mesmo pasou na localidade granadina de Santa Fe. A resistencia dun piquete rematou entre forcexos coa Garda Civil e cinco detidos.

As protestas repetíronse en ducias de estradas de 8 comunidades autónomas, con retencións como a da A-7 en Barcelona de 19 quilómetros. Houbo cortes en todas autovías radiais que saen de Madrid e nas conexións co Mediterráneo e coas dúas Castelas.

Só en Castela-A Mancha a policía puxo case 700 denuncias por alteración da seguridade viaria. É o seu xeito de protestar contra unhas regulacións europeas ás que só se poden adaptar á custa dos seus beneficios.

“Os incrementos de custos asfíxiannos e non podemos vivir disto”, “no campo temos uns controis que é peor que o control que hai aquí", eran algunhas das protestas que se oían nas concentracións.

A principal asociación de transportistas pediulle a Interior que actúe ante unhas mobilizacións que afectaron 80.000 camións en toda España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade