Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 26 países xúntanse en Vigo no III Salón Internacional da Industria Acuícola

Máis de 26 países xúntanse en Vigo no III Salón Internacional da Industria Acuícola

A China, Arabia Saudita e Exipto lideran a presenza internacional nun salón que reúne toda a cadea acuícola

Trátase do maior encontro tecnolóxico, formativo, divulgativo e comercial do sector
G24.gal 20/05/2025 16:43

Máis de 210 expositores de 26 países congréganse desde este martes e ata o xoves nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde se celebra o III Salón Internacional da Industria Acuícola (Aquafuture Spain).

Destaca unha nutrida delegación da China e de países emerxentes como Arabia Saudita ou Exipto, o que supón un 40 % máis de participación que na edición anterior e un aumento do 35 % en expositores internacionais.

Trátase do maior encontro tecnolóxico, formativo, divulgativo e comercial do sector da acuicultura no sur de Europa, o único salón do ramo en España e o segundo máis grande de toda a xeografía europea.

Nel están representados todos os elos do sector no seu conxunto: a acuicultura mariña e continental, pasando polo cultivo de moluscos e abordando novos retos como o cultivo de algas.

Durante tres días abordaranse asuntos de actualidade para o sector como a implantación da Directiva de Informes de Sustentabilidade Corporativa, a tecnoloxía e intelixencia artificial aplicadas á comercialización e á produción, a innovación circular, as futuras tendencias alimentarias ou as proteínas alternativas.

Na inauguración do evento estivo, entre outras autoridades, o conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, quen destacou a aposta do Goberno galego por "un modelo acuícola competitivo e respectuoso co medio", no que o mexillón é o gran protagonista.

En 2024, destacou Villares, o sector mellorou a facturación en máis dun 6 % superando os 247 millóns de euros, dato que supón unha oportunidade que debe ser aproveitada para seguir xerando riqueza e emprego neste ámbito.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, afirmou que Aquafuture Spain consolidará a Vigo, onde se celebra a terceira edición dunha feira cuxas dúas primeiras entregas tiveron lugar en Silleda, na vangarda das reflexións mundiais acuicultura, pesca e xestión sostible da auga.

Ao acto de inauguración asistiu tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen se interesou polas novidades do sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade