Publicador de contidos

Publicador de contidos

A prisión tres mulleres detidas en Vigo acusadas de roubar no interior de vivendas

A prisión tres mulleres detidas en Vigo acusadas de roubar no interior de vivendas

Ás detidas atribúeselles a súa presunta participación en varios delitos de roubo e furto en interior de domicilio e pertenza a grupo criminal organizado

Traslado das detidas pola Policía Nacional. Foto: Policía Nacional Traslado das detidas pola Policía Nacional. Foto: Policía Nacional
G24.gal 18/07/2026 11:40

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron a tres mulleres como presuntas autoras de varios delitos de roubo e furto en interior de domicilio e pertenza a grupo criminal organizado. A autoridade xudicial enviou a prisión ás detidas, "especializadas en roubos no interior de vivendas", segundo informan os axentes, e que subtraeron xoias e diñeiro.

No marco dun dispositivo de prevención da delincuencia, os axentes localizaron o pasado martes, 14 de xullo, ás tres mulleres no interior dun edificio de vivendas situado na zona de Torrecedeira. Os policías recoñecéronas como presuntas responsables de diversos roubos en vivendas que estaban a ser investigados na cidade.

No momento da intervención, as mulleres portaban diñeiro en efectivo, diversas xoias e varios útiles e ferramentas presuntamente destinados á apertura de portas de vivendas, que levaban ocultos entre a súa roupa interior, segundo detalla o comunicado da Policía.

O dispositivo de prevención da delincuencia, que practicou as detencións, compúñano axentes da Brigada Local de Seguridade Cidadá e da Brigada Local de Policía Xudicial. TAmén contaban coa colaboración do Grupo Operativo de Prevención da Delincuencia (GOPD) e do Grupo de Atención ao Cidadán (GAC), que realizaban labores de vixilancia tanto uniformados como de paisano xunto co Grupo de UDEV-Roubos.

Material roubado en posesión das detidas. Foto: Policía Nacional Material roubado en posesión das detidas. Foto: Policía Nacional

Investigación en curso

A investigación sobre varios roubos en vivendas de similares características rexistrados en distintos puntos da cidade estaba a ser desenvolvida polo Grupo UDEV Roubos da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Vigo-Redondela.

A presenza das agora detidas, de nacionalidade estranxeira, na cidade "coincidiu cun aumento deste tipo de feitos delituosos", precisou a Policía. Como resultado das pescudas practicadas ata o momento, ás detidas atribúeselles a súa presunta participación en varios delitos de roubo e furto en interior de domicilio e pertenza a grupo criminal organizado.

As tres implicadas foron postas ao dispor da autoridade xudicial competente, que acordou o seu ingreso en prisión, aínda que a investigación continúa aberta para o esclarecemento doutros feitos de similares características "que poidan gardar relación con este grupo", segundo o comunicado.

Así mesmo, os axentes traballan na identificación da procedencia das xoias e demais efectos intervidos co obxectivo de localizar aos seus lexítimos propietarios e proceder, no seu caso, á súa devolución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade