A prisión o detido por acoitelar un compañeiro da FP en Ourense
O mozo entregouse á Policía cun bolso con cinco armas brancas dentro

O mozo que agrediu o seu compañeiro da FP en Ourense nun bar da Carballeira entregouse este sábado na Comisaría da Policía Nacional. Alí dixo que era o rapaz que andaban buscando e levaba canda el un bolso con varias armas brancas. Entre elas estaría supostamente a utilizada para agredir un compañeiro do IES Carballeira, nunha cafetaría situada a carón do centro educativo.
Sería unha navalla tipo bolboreta, duns dez centímetros de folla, con posibles restos de sangue. Había ademais dous coitelos de caza, un cunha folla de 18 centímetros e outra de 12; outras dúas navallas, unha de uso militar e outra multiúsos.
Ante os axentes non deu explicacións sobre a motivación da agresión contra o compañeiro do ciclo de enfermaría. Permaneceu despois agochado na Valenzá, no concello de Barbadás e estivo no domicilio familiar onde vive.
Tras declarar pasou a disposición do xuíz, que decretou o seu ingreso en prisión. O mozo ferido recupérase con normalidade e podería recibir a alta hospitalaria nas próximas horas.