Publicador de contidos

Publicador de contidos

En liberdade o agresor dun operario da limpeza de Ferrol, que está grave

En liberdade o agresor dun operario da limpeza de Ferrol, que está grave

O agresor deulle un golpe na mandíbula tan forte que o derrubou, golpeando a cabeza no chan

Foi un ataque ao chou, cando a vítima baixou do camión axudar os compañeiros

 

G24.gal 30/06/2025 14:48

Nin o viu vir. Nin el nin os dous compañeiros que traballaban na parte de atrás do camión.

"Estaban facendo a recollida de dous colectores de residuos sólidos e os peóns decatáronse de que o camión non arrancaba e ao mirar, xa viron como un individuo lle daba un golpe na mandíbula, sen mediar palabra. Caeu a chan e pegou coa cabeza", explica Jesús Vázquez, presidente do comité de empresa de Urbaser

Baixara do camión para botar unha man e xa non volveu subir. O golpe, de repente e sen esperalo, resultou fatal.

"Está grave pero estable. Está intubado e sedado e controlándolle a inflamación no cerebro, a ver como evoluciona", engade Vázquez. 

O agresor marchou rúa arriba, sen apurar o paso, pero non foi difícil identificalo. 

"Ás tres e media da mañá, vin unhas luces e levanteime. Ao chegar á ventá, vin o coche da policía local con dous compañeiros de Urbaser contándolle o que pasara", conta un dos poucos veciños que se decatou.

É un veciño de Narón, coa cara chea de tatuaxes, piercings e unha aparencia física facilmente recoñecible. A Policía Local detívoo unha hora despois na estrada de Catabois. Tras declarar no xulgado, quedou en liberade con cargos. 

"Estamos totalmente indignados pola situación e aínda por riba, ao día seguinte queda en liberdade con cargos. Ata que non esperte o noso compañeiro, o lóxico sería que ingresara no cárcere", lamenta o presidente do comité. 

A vítima ten 52 anos e leva uns sete traballando en Urbaser. Na quenda de noite, sobre todo, séntense expostos. 

"Somos un gremio un pouco deostado. Hai encontróns verbais, como que che andan 'achuchando' no camión ou na zona de marcha, fanse moitas parvadas, pero as parvadas, poden acabar nisto", denuncia Jesús Vázquez.

Os compañeiros están apoiando a familia, a muller e a filla, e valoran algún tipo de protesta para pedir que o agresor ingrese no cárcere

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade