A CIUG ultima as actualizacións das puntuacións e iniciará os chamamentos o día 8 de xullo
Piden calma ante a inquedanza dos aspirantes que aínda teñen as notas sen actualizar: estará todo en orde antes de iniciar os chamamentos
O día 8 de xullo comezan os primeiros chamamentos para acceder ao sistema universitario galego, e parece que hai nervios entre as persoas aspirantes. O motivo é que, nalgúns casos, a plataforma Nerta aínda ten datos sen actualizar. A Comisión Interuniversitaria de Galicia fai unha chamada á calma, e aclaran que traballan nos prazos previstos para a corrección de erros.
"Seguimos o proceso habitual, estamos introducindo os datos das reclamacións que se atenderon", explica Maite Flores, presidenta da CIUG. Di que están traballando ademais na actualización dos novos parámetros de ponderación das materias, o que máis inquedanza xera.
"Hai que cambiar os parámetros de ponderación das diferentes materias, non se puido facer antes porque había que manter os da edición anterior, pero xa o estamos facendo", di Flores. "Non é un proceso sinxelo porque leva varias horas e non se pode facer nas xornadas de traballo, hai que buscar o oco", engade.
Di que "non hai preocupación ningunha" pola súa parte, e pide tranquilidade: "O día 8 faremos o primeiro chamamento, e todo estará en orde". Calcula que esta semana xa poderían estar todas as actualizacións feitas na plataforma Nerta, para que os alumnos poidan consultar as súas cualificacións definitivas. "Tranquilidade e calma porque todo vai funcionar correctamente", conclúe.
E aproveita para pedir moita atención cando se inicien os chamamentos, para quedar en lista de agarda se non entramos á primeira. Moitas titulacións pecharán nesa primeira convocatoria de chamamentos, pero despois poden seguir correndo as vacantes. Para acceder a elas, é esencial que o alumno marque a opción de seguir na listaxe de agarda. De non facelo así, quedaría excluído e sen posibilidade de volver entrar.