Publicador de contidos

Publicador de contidos

A primavera tamén é tempo de fungos cun gran valor culinario

A primavera tamén é tempo de fungos cun gran valor culinario

Coa calor e a humidade danse especies tan apreciadas na cociña coma os cantarelos ou os cogomelos de San Xurxo

Algunhas especies de cantarelos figuran entre os cogomelos máis valorados para o seu consumo
Félix Aragunde 05/06/2025 13:56

Din os micólogos que todo o ano é tempo de fungos, e non só o outono. Tocante aos cogomelos comestibles, é algo que se cumpre especialmente na primavera, cando a humidade e a calor propician a aparición de boletos, coma o dos piñeiros, ou de distintas especies de cantarelos, coma o pálido ou o pan de cabra, que se poden secar e consumir unha vez hidratados.

"Cogomelos témolos todo o ano, claro, pero os maiores momentos de comercialización son a partir de outubro, no outono e inverno. E despois na primavera hai momentos puntuais, coma agora, de humidade e calor, en que se dan moito os boletos e, sobre todo, o 'cantharellus cibarius'. Durante o ano, é case cando máis hai", sinala a comercializadora Luz Divina Castelo. 

Trátase de fungos moi apreciados polo seu valor culinario. Ben o saben nos restaurantes, onde estes días adoitan incluír na carta pratos elaborados con cantarelos ou co cogomelo de San Xurxo, que se dá entre abril e xuño.

"O 'perretxiko' aquí en Galicia non é que sexa moi valorado, pois case todo o que se recolle vai para o País Vasco. É un dos cogomelos que máis aprecian alí. Pero nós, cando o traen, comprámolo. É un cogomelo pequeniño e moi firme, que limpamos ben cun pincel e co que facemos un revolto", explica o cociñeiro Álex Méndez.

"Aquí na primavera a xente non está habituada tampouco a recollelos, polo que non hai provedores que veñan. Si que temos algún puntual porque os cantarelos se dan en zonas onde tamén hai árnica ao lado. E si que hai xente que se dedica a iso e xa trae as dúas cousas", engade Castelo. 

O aproveitamento das especies comercializables de cogomelos axuda a lle sacar unha maior rendibilidade ao monte con bosques autóctonos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade