A incidencia sobe 20 puntos en España e hai case 500 ingresados máis
Navarra e o País Vasco están en risco máximo
A tendencia á alza fai que se achegue ao nivel alto o conxunto do Estado
.png)
As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 15.875 novos casos de covid–19, 1.987 deles diagnosticados durante a fin de semana. Estas cifras son superiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 9.798 positivos, o cal expresa a tendencia á alza na evolución da pandemia.
A cifra total de contaxios en España elévase xa a 5.096.538 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 132,19, fronte a 111,95 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 62.724 positivos.
No informe deste luns engadíronse 22 falecementos, en comparación con 43 o luns pasado. Ata 87.832 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo Ministerio. Na última semana faleceron 71 persoas con diagnóstico de COVID–19 positivo confirmado en España.
Actualmente, hai 2.880 pacientes ingresados por COVID–19 en toda España (2.398 o venres) e 522 en UCI (458 o venres). Nas últimas 24 horas, producíronse 413 ingresos (354 o venres) e 121 altas (297 o venres). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 2,33 por cento (1,93 % o venres) e nas UCI no 5,70 por cento (5,02 % o venres).
Mentres tanto, a taxa de positividade sitúase no 5,35 por cento, fronte ao 4,54 por cento do venres. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que este dato se atope por baixo do 5 por cento para considerar como controlada a propagación do virus.