Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan as causas da explosión de butano que lle custou a vida a unha veciña de Trasmiras

Investigan as causas da explosión de butano que lle custou a vida a unha veciña de Trasmiras

A muller, de 93 anos, estaba nunha lareira na que había unha cociña auxiliar e dúas bombonas

G24.gal 15/11/2022 13:48

As alarmas saltaron contra as dúas da tarde na aldea de Abavides en Trasmiras cando se produciu un forte estoupido. A deflagración fixo que o teito desta vivenda voase polo aire. 

"Non había lume, non había nada. Familiares que viven un pouco máis arriba sí oíron a explosión", apunta unha veciña.

Segundo confirmaron os bombeiros que traballaron no rescate, tratouse dunha explosión de gas butano, que lle custou a vida á única persoa que estaba nese momento na casa, unha muller de 93 anos que estaba na lareira.

Nesa mesma estancia había unha cociña auxiliar e dúas bombonas. Hai distintas hipóteses sobre o que puido acontecer, algo que terá que determinar a Policía Xudicial. Os bombeiros apuntan a unha boa ventilación como o mellor xeito de evitar este tipo de accidentes ante a posibilidade dunha fuga. 

"O gas butano que se usa principalmente no rural pesa máis que o aire, deposítase en zonas baixas e non podemos tapar o respiro que temos para eses gases na parte inferior, porque senón evitamos que eses gases que están fuxindo saian o exterior e van acumulando altura", explica Nicanor Muñoz, sarxento dos bombeiros de Ourense.

Outro dos perigos é o dunha combustión inadecuada, quentadores e estufas igual que as cociñas precisan dun mantemento axeitado. Os gases teñen ademais un elemento olorífico para detectalos. Ante a mínima sospeita dunha fuga hai que actuar o antes posible.

"O que non podemos facer se cheiramos gas é acender unha luz a ver que pasa. Temos que automaticamente, o máis rápido posible, abrir portas e ventás, non acender a luz. Pero coidado, que un ciclo de entrada dunha neveira que fai ela soa, pode provocar unha chispa e pode provocar unha explosión".

A precaución e un mantemento axeitado resultan clave para minimizar os riscos neste tipo de instalacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade