A Policía Local de Poio rescata dun barranco catro cans potencialmente perigosos
Son dun residente na Escusa, reincidente en deixalos ceibos, conduta que preocupa o resto de veciños
Os policías locais de Poio que traballaron no rescate dos catro cans non tiveron unha tarefa doada. Ao difícil acceso, no fondo dun cavorco, sumábase a actitude pouco amigable con que os cans os recibiron. Despois dunhas dúas horas de tarefa entregáronllos ao dono.
El é veciño da Escusa, onde esta mañá, dous días despois da intervención dos axentes, non se vían os cans, pero si escoitamos moitos ladros. Neste lugar da montaña poiense, o home é coñecido por deixar ceibos con frecuencia uns animais aos que a veciñanza lles teme. Ninguén aceptou falar publicamente do que fai o veciño cos seus animais considerados potencialmente perigosos.
A última vez que quedaron libres acabaron na contorna do río Mouro. A policía remitirá á Administración autonómica o expediente de proposta de sanción do propietario por, presuntamente, reincidir en deixalos ceibos, carecer de licenza para ter este tipo de cans, non rexistralos nin ter seguro de responsabilidade civil.
As pescudas tamén se encamiñan a determinar se o dono se dedica á cría, trátase de catro femias, para a venda á marxe do circuíto legalmente establecido.