A policía desbota violencia na morte dun mozo atopado nunha rúa en Vigo
Localizárono inconsciente detrás do Marco e todo apunta a unha caída accidental
A policía informou dos resultados da investigación aberta tras a morte dun mozo que apareceu tirado no chan detrás do museo Marco de Vigo o venres a primeira hora.
A Policía Nacional descarta que fose unha morte violenta, como publicou algún medio de comunicación. O rapaz, que faleceu este sábado no hospital Álvaro Cunqueiro, saíra de festa a noite do xoves a atopárono inconsciente. Tiña un golpe na cabeza e dúas costelas rotas.
Os axentes, inicialmente, consideraron todas as hipóteses, pero tras a investigación descartaron que houbese violencia. Todo apunta, segundo fontes policiais, a que o mozo de 23 anos caeu desde a rúa Progreso por un lugar no que hai un desnivel importante.