Publicador de contidos

Publicador de contidos

Advirten de que o veto á pesca de fondo impactará na flota do palangre e na do Gran Sol

Advirten de que o veto á pesca de fondo impactará na flota do palangre e na do Gran Sol

Iván López, presidente da Plataforma Europea de Pesca con Artes de Fondo explica na Radio Galega: "Compre protexer os ecosistemas vulnerables, pero estase tomando unha superficie enorme ao redor, que pecha moitos caladoiros"

Salienta que os plans da Comisión Europea están baseados nun sistema de probabilidades en moitos casos sen verificar

G24.gal 01/07/2022 13:44

Os armadores de Vigo están preocupados pola decisión da Comisión Europea de limiar as zonas de pesca coa fin de preservar os fondos mariños. Acusan o Goberno comunitario de actuar de xeito unilateral e abocar o sector á ruína. Idea que tamén avalan desde a Plataforma Europea de Pesca con Artes de Fondo. 

Afirma Iván López, o seu presidente, que, de saír adiante a medida, parte do sector estaría abocado á ruína, sobre todo a flota de palangre, como no caso da Mariña, e parte da flota do Gran Sol.

Apunta o representante do sector que non é unha decisión mala, porque cómpre protexer os ecosistemas mariños vulnerables, pero o problema, matiza, é que para iso estase tomando unha superficie excesiva arredor, pechando moitos caladoiros. Este novo escenario, engade, podería reducir ata un 75 por cento as capturas da flota de palangre.

Actuación da Comisión Europea

Considera o presidente da Plataforma que a Comisión se apresura en sacar adiante o proxecto canto antes, sen ter en conta as consecuencias socioeconómicas.

"Realmente o que se primou foi que a superficie protexida fose o máis grande posible, por algún interese político de anunciar grandes números, moito máis espectaculares, pero o que se fai sobreprotexendo é pechar de máis, restrinxindo actividade e poñendo en perigo grandes sectores da frota", argumenta.

Contraproposta

Apunta Iván López que para salvagardar as zonas protexidas sen danar a actividade pesqueira, cómpre volver facer os estudos socioeconómicos incluíndo desta volta á flota de palangre.

En segundo lugar, aclara, convén axustar a superficie protexida á realidade, verificando estas áreas cos estudos xa realizados dos fondos mariños, que no caso de España xa se veñen elaborando desde hai uns 15 anos.  

Insiste en que é necesario revisar este plan para tomar a decisión atinada. Remata loando a postura do Goberno de España ante as intencións do organismo europeo, convencendo a outros países dun problema que pode afectar dun xeito importante a nosa frota. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade