Oliver Laxe conquista Cannes con 'Sirat' e gaña o Premio do Xurado
Sirat xa recibiu este venres o premio Cannes Soundtrack, á mellor banda sonora
'Sirat', de Oliver Laxe, e 'Romería', de Carla Simón, participada por TVG, optaron á Palma de Ouro, á Mellor Película. Era a primeira vez que había dúas películas españolas na sección oficial e as dúas están relacionadas co audiovisual galego
A Palma de Ouro a Mellor Película foi para 'Un simple accident', do iraniano Jafar Panahi
'Sirat' de Oliver Laxe e a película alemá 'Sound of fallin', de Mascha Schilinski, recibiron este sábado o Premio do Xurado ex aequo de Cannes. Con este son dous os premios que recibe a película do cineasta galego nesta edición do Festival.
Cannes é un festival que ama o cine de Laxe pero este ano pódese dicir que recibiu cos brazos abertos ao cinema español. Xa que Oliver Laxe, con 'Sirat', e Carla Simón, con 'Romería', competiron na sección oficial pola Palma de Ouro á Mellor Película, nesta 78 edición do Festival de cine de Cannes. Todo un éxito do cinema español, que tivo dúas películas por primeira vez ao mesmo tempo na sección oficial.
Unha edición afortunada tamén para o audiovisual galego malia que a Palma de Ouro finalmente foi para 'Un simple accident', do iraniano Jafar Panahi. Unha historia sobre a violencia no seu país, do que non puidera saír en 15 anos, un galardón que fixo poñerse en pé a todo o auditorio do Grand Théâtre Lumiére.
Só Pedro Almodovar, Albert Serra ou Fernando Trueba competiron pola Palma de Ouro
Tras 16 anos nos que só as individualidades de Pedro Almodovar, Albert Serra ou Fernando Trueba competiron pola Palma de Ouro de Cannes, na edición deste ano había dous filmes que optaban ao máximo premio do festival, os novos traballos de Carla Simón e Oliver Laxe.
Parabéns para o audiovisual en Galicia e para Televisión de Galicia
Esta edición do Festival de Cannes é un éxito tamén do audiovisual galego, xa que a película de Carla Simón está rodada en Galicia, nela hai actores e actrices galegas e está participada na produción por Televisión de Galicia.
A realizadora catalá competía por primeira vez en Cannes e fíxoo coa súa terceira longametraxe, tras triunfar en Berlín co premio a mellor ópera prima para 'Verán 1993' (2017) e o Oso de Ouro para 'Alcarrás' (2022).
Agora, coa sensible 'Romaría' pecha a triloxía sobre as súas memorias familiares, unha cinta que conta con intérpretes profesionais, algo pouco habitual no seu cinema, e que se desenvolve en Vigo. Nesta 78 edición de Cannes optou a unha Palma de Ouro que ata o de agora só gañou un cineasta español, Luis Buñuel, en 1961 por 'Viridiana'.

Cannes ama o cinema de Oliver Laxe: catro películas, cinco premios en Cannes
Oliver Laxe, malia a ser un director galego moi novo (París, 11 de abril de 1982) é un vello coñecido e recoñecido no Festival de Cannes.
Laxe conta con tres premios en Cannes, un para cadansúa das súas películas anteriores: 'Todos vós sodes capitáns (2010), 'Mimosas' (2016) e 'O que arde' (2019). Con 'Sirat é a primeira vez que está sección oficial.
Con 'Todos vós sodes capitáns' participou na Quincena de Cineastas e foi premiado pola crítica internacional; con 'Mimosas' levou o galardón principal da Semana da Crítica e con 'O que arde', o premio 'Dunha certa mirada', a segunda sección en importancia de Cannes.
Nesta edición do festival, a película de Oliver Laxe xa recibira este venres pola tarde o premio 'Cannes Soundtrack' á mellor banda sonora, e comparte o Premio do xurado recibido este sábado; premio para a súa película 'Sirat', coa que compite na sección oficial.
Sirat, Premio Cannes SoundTrack
Con Oliver Laxe, na recollida do premio Cannes SoundTrack, estaba o francés David Letellier, coñecido como Kangding Ray, creador da banda sonora de 'Sirat'.
O xurado, integrado por xornalistas internacionais acreditados en Cannes, destacou no seu fallo "a cativadora banda sonora" que Letellier compuxo para 'Sirat', "un drama espiritual levado por unha posta en escena maxistral".
O filme que marca un punto de inflexión na obra do director galego, residente nos Ancares, "crea unha fábula mística entre o deserto e a revelación interior".
Filmada entre Marrocos e España, 'Sirat' fala da dúbida e o exilio interior a través da viaxe dun home en busca da súa filla desaparecida, nun ambiente de raves no deserto marroquí.

'Sirat' é, segundo o Corán, unha estreita ponte que permite pasar do inferno ao paraíso
E ese é o percorrido que fan os protagonistas do filme co que o galego Oliver Laxe compite no Festival de Cannes e co que convida a "caer ao abismo" para que xurda "o mellor do ser humano", dicía Laxe o día da presentación da película en Cannes, o xoves día 15 de maio.
"Eu son dos que pensan que en realidade todos os seres humanos somos nenos feridos dalgunha maneira. Hai unha fractura dentro de nós, pero uns somos máis conscientes que outros", explicaba o director nunha entrevista coa axencia EFE antes da presentación de 'Sirat', a súa cuarta longametraxe e cuarto que leva a Cannes, aínda que este é o primeiro na competición pola Palma de Ouro.

-Palma de Ouro: 'Un simple accident', de Jafar Panahi.
-Gran Premio: 'Sentimental Value', de Joachim Trier.
-Premio á Mellor Dirección: Kleber Mendonça Filho, por 'O agente secreto'
-Premio ao Mellor Guion: Jean-Pierre e Luc Dardenne, por 'Jeunes mères'.
-Premio do Xurado exaequo: 'Sirat', de Oliver Laxe, e 'Sound of Falling', de Mascha Schilinski.
-Premio á Mellor Actriz: Nadia Melliti, por 'La petite dernière'.
-Premio a Mellor Actor: Wagner Moura, por 'O agente secreto'.
-Premio Especial do Xurado: 'Resurrection', de Bi Gan.
-Cámara de ouro á mellor ópera prima: 'The President's Cake', de Hasan Hadi.
-Mención especial de ópera prima: 'My Father’s Shadow', de Akinola Davies Jr.
-Palma de Ouro á mellor curtametraxe: 'I’m Glad You’re dead Now', de Tawfeek Barhom.
A gala de clausura do Festival de Cannes celebrouse normalmente, como anunciara a organización este sábado pola mañá tras o apagamento
A gala de clausura da 78 edición do Festival de Cannes desenvolveuse con total normalidade, malia que a rexión sufriu un apagamento este sábado pola maña.
O corte de electricidade comezou ao redor das 10:00 hora local (8:00 GMT) e deixou sen luz á zona oeste do departamento francés de Alpes Marítimos (sueste do país), incluída a localidade de Cannes.
A gala celebrouse, como é tradicional, no Grand Thèâtre Lumiére, a sala máis grande do Palais, sede principal do Festival de Cannes, e onde se celebran habitualmente todas as proxeccións importantes e as cerimonias. E accédese a ela atravesando a famosa alfombra vermella.