Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Sirat', e 'Romaría', con raíces galegas, candidatas a representar a España nos Óscar

'Sirat', e 'Romaría', con raíces galegas, candidatas a representar a España nos Óscar

Competirán con 'Sorda' pola distinción, que se coñecerá o vindeiro día 17

É a primeira vez que dúas cintas con raíces galegas optan os galardóns: 'Sirat', dirixida por Óliver Laxe, e 'Romaría', dirixida por Carla Simón e participada pola TVG

Óliver Laxe e Sergi López, diretor e protagonista de 'Sirat', nun acto en Santiago de Compostela (Álvaro Ballesteros-Europa Press-Arquivo) Óliver Laxe e Sergi López, diretor e protagonista de 'Sirat', nun acto en Santiago de Compostela (Álvaro Ballesteros-Europa Press-Arquivo)
G24.gal 03/09/2025 11:04

'Sirat', do galego Óliver Laxe, 'Romaría', de Carla Simón e 'Sorda', de Eva Libertad, foron as tres películas seleccionadas para optar a representar a España na próxima edición dos Óscar, a número 98, na categoría de Mellor Película Internacional.

Así, dúas películas con raíces galegas -'Romaría' rodouse en Vigo e Pontevedra, entre outras localizacións, e está participada pola TVG- están na terna para acudir ao Dolby Theatre de Los Ángeles o próximo ano a recoller unha figura.

O próximo 17 de setembro anunciarase a película que finalmente representará a España nos premios da Academia de Hollywood.

 

'Romaría', de Carla Simón, foi rodada en zonas de Galicia como Vigo ou Pontevedra 'Romaría', de Carla Simón, foi rodada en zonas de Galicia como Vigo ou Pontevedra

A actriz Emma Suárez (gañadora ata en dúas ocasións do Goya a mellor actriz protagonista por 'El perro del hortelano' e 'Julieta') e o actor Juan Diego Botto (nomeado en varias ocasións), membros tanto da Academia española como da de Hollywood, foron os encargados de anunciar as tres películas preseleccionadas, acompañados polo presidente da Academia Fernando Méndez-Leite.

'Sirat', o éxito de Laxe

A película de Oliver Laxe, a historia dun pai (Sergi López) que busca á súa filla nas 'raves' de Marrocos durante unha viaxe frenética pero cargado de simbolismo e introspección, estaba en todas as quinielas para ser unha das posibles candidatas aos Óscar este ano.

Tras alzarse co Premio do Xurado no Festival de Cannes, a obra de Laxe estreouse o 6 de xuño en España, onde ata o de agora tivo case 400.000 espectadores, e mantívose durante varias semanas entre as películas máis vistas en cinemas.

Ademais, tras facelo en Francia, Alemaña, Portugal e República Checa estrearase no mes de novembro nos Estados Unidos con Neon, unha das distribuidoras máis prestixiosas do cinema independente, responsable de títulos como 'Parasitos', 'Anatomía dunha caída' e 'Anora', ademais de proxectarse en seccións de festivais como o de Toronto ou Nova York.

'Romaría', drama familiar de Carla Simón

'Romaría', de Carla Simón, estivo nomeada no último Festival de Cannes á Palma de Ouro. A cineasta Carla Simón non só conta a súa historia familiar, tamén a converte nunha forma de lembrar á xeración perdida en España por mor da heroína e a sida.

Un filme co que a cineasta pecha unha triloxía sobre a súa historia familiar que comezou con 'Verán 1993' (2017), que gañou o premio á mellor ópera prima en Berlín, e continuou con 'Alcarrás' (2022), que levou o Oso de Ouro da Berlinale e que se centrou na súa familia materna, de agricultores.

'Sorda', ópera prima e primeira dunha actriz xorda

'Sorda', ópera prima da directora murciana Eva Libertad e Biznaga de Ouro a mellor película española no recente Festival de Cinema de Málaga, estreouse nos cinemas de España o pasado 4 de abril.

Unha escena de 'Sorda', de Eva Libertad, a primeira longametraxe española protagonizada por unha actriz xorda, Miriam Garlo Unha escena de 'Sorda', de Eva Libertad, a primeira longametraxe española protagonizada por unha actriz xorda, Miriam Garlo

Tivo a súa estrea mundial no 75 Festival Internacional de Cinema de Berlín, onde recibiu o valioso Premio do Público da sección Panorama e o premio independente CICAE Art Cinema Award.

‘Sorda’ é a primeira longametraxe española protagonizado por unha actriz xorda, Miriam Garlo, e parte da curtametraxe homónima nomeada aos Premios Goya en 2023 dirixido por Eva Libertad e Nuria Muñoz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade