A patronal eólica galega avisa de que a planta de Meirama non será o último plan en "caer" ante o "limbo xudicial"
A patronal eólica galega avisa de que a planta de Meirama non será o último plan en "caer" ante o "limbo xudicial"
A EAG indicou que "se perden 64 millóns de euros" de investimento e a creación de "innumerables empregos"
Lamentou que "a práctica totalidade dos proxectos" presentados e validados pola Administración están afectados por contenciosos ou suspensións cautelares do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A Asociación Eólica de Galicia manifestou a súa "decepción e frustración" tras coñecerse que as empresas promotoras da planta de hidróxeno de Meirama desistiron seguir adiante co proxecto e avisou de que "non será" o último plan industrial "en caer" ante "o limbo xudicial".
Nun comunicado, a EAG indicou que "se perden 64 millóns de euros" de investimento e a creación de "innumerables empregos".
"Nin é o primeiro plan industrial en caer nin será o último, porque o goteo de desercións comezou, unha nefasta circunstancia sobre a que vimos advertindo nos últimos anos para o economía de Galicia, pero tamén para a transición enerxética e a emerxencia climática", recalou a patronal eólica galega.
Neste sentido, sinalou que os proxectos industriais novos necesitan de "enerxía limpa, barata e local", pola contra "non sairán adiante, como se está constatando". Así, remarcou que en Galicia "só a implantación de máis enerxía eólica dá resposta a esas tres condicións".
Con todo, lamentou que "a práctica totalidade dos proxectos" presentados e validados pola Administración están afectados por contenciosos ou suspensións cautelares do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Para a EAG isto é "algo inaudito e moi difícil de entender para o sector".
"Hai no limbo xudicial un centenar de parques proxectados que suman ao redor de 3.000 megawatts de potencia", lamentou a asociación.