A Organización Mundial da Saúde di que a fin da pandemia xa está á vista
Piden que non se freen os esforzos para combater a covid e recomendan seguir vacinando os grupos de risco
O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, asegurou este mércores que o mundo "nunca estivo tan preto do fin da pandemia de covid-19", despois de que a semana pasada se rexistrara a cifra máis baixa de falecidos por coronavirus desde marzo de 2020.
"Aínda non estamos alí, pero a fin da pandemia está á vista", subliñou Tedros na súa conferencia de prensa semanal.
Adhanom pediu que non se freen por iso os esforzos para combater a covid-19, xa que "un corredor de maratón non para cando comeza a ver a liña de meta".
Tedros insistiu en que deterse agora "é correr o risco de máis variantes do coronavirus, máis mortes, máis problemas e maior incerteza".
Para axudar nesta "recta final", Tedros anunciou que a OMS emitiu hoxe un plan de asesoramento para políticas sanitarias nacionais, "baseado nas evidencias dos últimos 32 meses sobre o que funciona mellor para salvar vidas, protexer as redes de saúde e evitar perturbacións que afecten á economía e a sociedade".
Entre as recomendacións, que mencionou o propio Tedros, figuran o investir na vacinación especialmente en grupos de risco, a continuidade dos test de coronavirus en laboratorio para controlar posibles novas variantes e melloras nos sistemas sanitarios.