A oposición pide explicacións sobre a xestión do concerto de Gun N´ Roses no pleno de Vigo
A oposición non conseguiu sacar adiante a moción en que pedían a dimisión dos concelleiros que xestionaron o evento
O executivo municipal recorreu a sentenza e defendeu a súa xestión
O pleno extraordinario celebrouse a petición dos grupos na oposición. PP e BNG pediron ao alcalde explicacións a raíz da sentenza que declara probado que o Concello simulou un falso concurso para celebrar o concerto da banda estadounidense en Balaídos, polo que lle reclama máis de 2 millóns de euros. O Goberno municipal minimiza a sentenza, que xa recorreu, e defende a súa xestión.
O Partido Popular esixiu a dimisión dos concelleiros responsables directos da xestión do evento. O BNG sumouse á petición do cesamento dos concelleiros e advertiu que emprenderá accións legais ante a falta de explicacións por parte do alcalde.
A moción foi rexeitada polos socialistas, que votaron en contra nunha xornada atípica no Concello, que a continuación celebrou un segundo pleno extraordinario en que o PSOE reclamou a categoría de porto nodal para Vigo. O feito foi cualificado pola oposición como unha cortina de fume para desviar a atención do pleno anterior.